O Concello ilumina con cor vermella a casa consistorial en sinal de apoio ao Día Mundial da Insuficiencia Cardíaca

O alcalde, xunto á edil Olga López Racamonde, chama a atención sobre a importancia da prevención e dos hábitos saudables, nunha cidade cardiosaudable como é Lugo.

O Goberno Local celebrará a finais de mes cos colexios de médicos e enfermería unha xornada de RCP básica na rúa, para formar e sensibilizar sobre o uso dos soportes vitais.

Os presidentes de ambos organismos estiveron no acendido da iluminación do Concello, que respondeu así á petición do Servicio de Cardioloxía do HULA.

Xoves, 08 de maio de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello ilumina con cor vermella a casa consistorial en sinal de apoio ao Día Mundial da Insuficiencia Cardíaca

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, xunto á concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, quixeron amosar o apoio do Concello de Lugo ao Día Mundial da Insuficiencia Cardíaca, chamando a atención sobre a importancia da prevención e do fomento dos hábitos saudables, de cara a unha xornada, na que ademais a Casa Consistorial iluminase de cor vermella, en sinal de apoio a esta patoloxía. A iluminación se acendeu na noite de onte, coa asistencia dos presidentes dos colexios de Médicos e Enfermería, Eduardo Iglesias e Eva Gómez, respectivamente, xunto ao xefe do servizo de Cardioloxía do Hula, Carlos González Juanatey; o secretario do Colexio Médico, Juan José López, e a edil de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira. Todos xuntos quixeron simbolizar co acendido das luces de cor vermella a unión de todos, profesionais sanitarios e institución local por unha mesma causa, respondendo así á petición realizada polo Servicio de Cardioloxía do HULA.

A iluminación estará en funcionamento ata mañá día 9, precisamente a xornada na que se amosa a loita contra a insuficiencia cardíaca, e que este ano ten como lema “No dejes que se apague”, tal e como traslada a Sociedad Española de Cardiología, na campaña realizada xunto a outras asociacións e fundacións que traballan na concienciación sobre esta grave enfermidade.

Tanto Miguel Fernández como López Racamonde lembraron que na cidade hai 67 desfibriladores, que fan de Lugo a cidade máis cardioprotexida do noroeste peninsular, ao triplicar o cociente español destes soportes vitais. Un total de 11 se atopan en espacios públicos ao aire libre como prazas e rúas; outros dez DESA portátiles son os que levan os operativos de Bombeiros e Policía Local nas súas saídas, mentres que o resto están instalados en centros sociais da cidade e parroquias rurais, dependencias deportivas municipais, centros culturais e outro tipo de edificios públicos.

Para potenciar o uso destes soportes vitais, cuxa boa utilización supón a posibilidade de salvar unha vida ante unha situación de emerxencia, a area de Cohesión Social do Concello de Lugo está a preparar unxa xornada de RCP básica na rúa, sobre o manexo dos DESAS para a poboación en xeral, na que se contará coa colaboración de voluntarios e voluntarias dos colexios profesionais de Médicos e Enfermería, e que se desenvolverá a finais do mes de maio. A idea é, tal e como sinalaron Miguel Fernández e Olga López Racamonde, “impartir nocións da técnica de Reanimación Cardiopulmonar para difundir e dar a coñecer este tipo de primeiros auxilios e normalizar o emprego dos desfibriladores como dispositivos que salvan vidas”, explicaron. Ademais, con esta iniciativa, o Concello seguirá dando pasos para consolidarse como cidade cardiosaudable.

Por último, e aproveitando a conmemoración do Día da Insuficiencia Cardíaca, a edil de Cohesión Social fixo un novo chamamento ao civismo e insistiu en que “é necesario coidar estes 67 soportes vitais e esixir á xente que respecte estes bens públicos non só polo custo económico, senón porque poden axudar a salvar unha vida, que é o máis importante”. Neste sentido Olga Racamonde lembrou que os últimos datos coñecidos apuntan a que “unha de cada tres persoas que sofren un infarto falece antes de chegar ao hospital; de aí a necesidade de coidar e fomentar o uso destes soportes vitais”.

Multimedia

  • O Concello ilumina con cor vermella a casa consistorial en sinal de apoio ao Día Mundial da Insuficiencia Cardíaca

Noticias relacionadas