O Concello estuda recorrer ao Tribunal Constitucional para defender o galego e a ordenanza municipal que regula o seu uso

“Non estamos de acordo coa sentencia do Supremo porque a nosa norma busca poñer en igualdade de condicións aos dous idiomas oficiais de Galicia, igualdade que hoxe non existe, e mesmo se produce un retroceso na lingua galega”, subliña a Alcaldesa

O número de falantes habituais de galego menores de 30 anos caeu nun 44% en 10 anos, e só un 13% dos rapaces e rapazas de entre 5 e 14 anos falan sempre galego

Luns, 25 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa, Lara Méndez, avanzou aos voceiros da Corporación municipal na xuntanza mantida este luns que os servizos xurídicos do Concello están a estudar a posibilidade de presentar un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional para defender a Ordenanza Reguladora do Uso do Galego na Administración Local de Lugo tras a sentencia do Tribunal Supremo que confirma a dictada no 2016 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anula en parte a norma municipal. “Non estamos de acordo con esta resolución xudicial porque esta ordenanza aprobada por unanimidade do Pleno no ano 2012 busca poñer aos dous idiomas oficiais que temos en Galicia en igualdade de condicións, igualdade na que non están e mesmo se produce un retroceso, como reflicten os datos, polo que entendemos que dende a Administración debemos facer esta protección e impulso especial”, subliñou a rexedora.

Como datos reveladores do declive que sufre a lingua galega e da necesidade imprescindible de promocionar o uso deste elemento fundamental da cultura e o patrimonio do país, Lara Méndez lembrou que, segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), o número de falantes habituais de galego menores de 30 anos caeu nun 44% en 10 anos, e só un 13% dos rapaces e rapazas de entre 5 e 14 anos falan sempre galego, mentres que, entre os maiores de 65 anos, a porcentaxe supera o 52%, o que reflicte a perda da transmisión interxeracional do galego. A principios dos anos 90, o galego era a lingua inicial para o 62% das persoas maiores de 15 anos, e 20 anos despois éo só para o 43%.

Noticias relacionadas