O Concello, a Deputación e máis de 30 municipios lugueses súmanse a Lugo...non perdas o tren

A plataforma informou hoxe sobre as súas últimas adhesións e ofreceu novos datos que corroboran a discriminación que sofre Lugo cos servizos ferroviarios con respecto ás restantes provincias galegas

Lugo ten ao día 8 saídas e 8 chegadas de tren mentres que, por exemplo, Ourense ten 22 saídas e 39 chegadas; e A Coruña 38 saídas e 35 chegadas

Lara Méndez e Darío Campos amosan o seu apoio á plataforma, que situou nos balcóns do Consistorio e do Pazo Provincial a pancarta Lugo…non perdas o tren

Xoves, 09 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello, a Deputación e máis de 30 municipios lugueses súmanse a Lugo...non perdas o tren

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, sumáronse este xoves ao acto que organizou a Plataforma Lugo...Non perdas o tren para dar conta das súas últimas adhesións e de novos datos oficiais e obxectivos que corroboran a discriminación que sofre Lugo con respecto ás restantes provincias.

Jesús Vázquez adiantou que, ademais de Concello e Deputación de Lugo, xa son máis de 30 os municipios de todas as cores políticas que se sumaron á plataforma, así como ducias de asociacións veciñais, sindicatos, colexios profesionais e entidades como a Cámara de Comercio ou a Cel, entre outras.

“Despois de cumprírense 140 anos da chegada do tren á provincia, en Lugo seguimos co mesmo tren ou incluso peor. Pola contra, nas restantes provincias galegas teñen AVE e perspectiva de Intermodal. Lugo é a única capital de provincia que, ademais de non ter Alta Velocidade e de negarnos a intermodal, nin sequera temos conexións con Santiago, a capital de Galicia. Logo de analizar ducias de horarios de tren, observamos que Lugo ten ao día 8 saídas e 8 chegadas de tren. Pola contra, Ourense, que conta con 25.000 habitantes menos, ten 22 saídas e 39 chegadas. Pola súa banda, A Coruña ten 38 saídas diarias e 35 chegadas. Nós non temos nada”.

Lara Méndez reiterou o apoio do Concello á plataforma veciñal, tal e como se manifestou no Pleno de abril, ao tempo que reivindicou unha Estación Intermodal para Lugo. A Alcaldesa lembrou o compromiso que Feijóo adquirira coa propia Lara Méndez nunha reunión para a Intermodal de Lugo, compromiso que non se cumpriu, pois “os lucenses vimos con estupor como nos orzamentos da Xunta para o 2016, Lugo se quedaba sen ningún euro para a Intermodal”. 

“A realidade é que non temos comunicacións, sendo a capital de provincia peor comunicada de España en termos ferroviarios, sen ter comunicacións, por exemplo, con Santiago, e sendo as poucas que hai co resto de lugares insuficientes”, denunciou a rexedora, quen lembrou que en Lugo transcorren 16 horas sen ningún servizo de tren. Non nos queda outra que reivindicar este servizo, así como o Ave, que beneficiará á cidade e a toda provincia. Queremos deixar de ser o vagón de cola e poñernos na parte dianteira do tren, de locomotora, cuns servizos que tiren pola nosa cidade, polo seu desenvolvemento e polo seu futuro”, concluíu Méndez.

Campos Conde subliñou que “está claro que estamos perdendo o tren. Por iso, temos que reivindicar entre todos un tren do século XXI. Creo que a Deputación, como institución que representa aos 67 Concellos da provincia e defende os intereses de todos os lucenses, tiña que estar presente nesta plataforma. Debemos unirnos porque, como en todo, estannos deixando atrás. Temos que traballar xuntos para conseguir a mellora das nosas comunicacións. Non pedimos privilexios, só pedimos que non haxa atrancos”.

Á espera do Ministerio e ADIF

Esta plataforma solicitou reunións con todos os partidos políticos, así como con representantes institucionais a nivel local, provincial, autonómico e estatal para facer chegar as súas reivindicacións. Jesús Vázquez informou que “mantivemos encontros con diferentes grupos e hoxe, aquí, tamén se está a ver o apoio institucional”. De feito, nos balcóns do Pazo de San Marcos e do Consistorio de Lugo situáronse pancartas co lema Lugo...non perdas o tren. “Pero seguimos á espera de que a Ministra de Fomento, Ana Pastor, e o Presidente de ADIF, Gonzalo Jorge Ferre Molto, decidan vir a Lugo a falar con nós”, subliñou.

Reclamacións

Lugo, non perdas o tren reclama máis conexións ferroviarias con Madrid ou Barcelona (hai un día á semana que non hai ningunha conexión); mellorar o servizo de cercanías, que practicamente non existe, tendo en conta non só a cidade de Lugo, senón tamén as conexións con outras vías da provincia, como Sarria, Guitiriz ou Monforte; prezos competitivos e promocionais; que se supriman pasos a nivel na cidade do Cabe, así como que se constrúan outros sobre as vías en Rábade; que se promova a construción da Estación Intermodal na cidade Luguesa e a chegada do AVE á provincia; impulsar o transporte de mercadorías, especialmente coas plataformas loxísticas ou a posta en marcha dun plan para mellorar o FEVE na Mariña, entre outras reivindicacións dos veciños da provincia.

Audio

  • Lara Méndez, sobre o acto que organizou a Plataforma Lugo...Non perdas o tren | Descargar mp3

Noticias relacionadas