O Concello de Lugo reúne este fin de semana a destacados expertos para abordar o avellentamento poboacional

A área de Benestar Social organiza este sábado e domingo as II Xornadas de Traballo na Atención Sociosanitaria a Persoas Maiores que se celebrarán no Auditorio do Vello Cárcere.

A concelleira Olga López Racamonde convida á cidadanía a inscribirse no evento a través do mail: benestar@lugo.gal

Mércores, 29 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo reúne este fin de semana a destacados expertos para abordar o avellentamento poboacional

O Concello de Lugo reunirá este fin de semana no Vello Cárcere a destacados expertos para debullar, conxuntamente, os retos de futuro que nos obriga a asumir o avellentamento poboacional, no marco da II Xornada de Traballo sobre a Atención Sociosanitaria a Persoas Maiores.

A edil de Benestar, Olga López Racamonde, área promotora do evento, explica que as xornadas organizaranse en torno a seis mesas de traballo para falar, entre outros aspectos, da atención á soidade, os transtornos neurolóxicos, os coidados extrahospitalarios ou a dependencia, coa participación de representantes non só de entidades para as que a atención aos maiores forma parte do seu quefacer cotiá - como é o caso de Cruz Vermella, Adace, Aspalu ou Afalu - senón tamén de profesionais dos servizos de Xantar no Fogar, os centros de día, traballadores sociais e mesmo persoal sanitario e médico de diferentes áreas, así como xornalistas de medios de comunicación local que achegarán o seu punto de vista.

“Dende a área de Benestar, queremos convidar á poboación a participar, xa que aínda están a tempo de inscribirse, pero tamén a seguir os relatorios organizados cos que queremos abordar a necesidade de mellorar a coordinación dos recursos das diferentes administracións para efectivizar as prestacións e servizos públicos así como dar visibilidade a unha realidade que afecta no día a día aos nosos maiores tanto no ámbito sanitario como no familiar”, sinalou Olga López Racamonde.

A segunda edición destas xornadas celebrarase os días 1 e 2 de outubro, no Auditorio do Vello Cárcere, coincidindo co Día Internacional das Persoas Maiores (1 de outubro).

A concelleira lembrou que este foro, pioneiro no Concello, encheu o pasado ano as mesmas instalacións, obrigando a habilitar no patio do inmoble unha pantalla para seguir as conferencias e mesas redondas que conformaban a programación.

Esta edición contará con recoñecidos expertos como o presidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, Miguel Ángel Vázquez Vázquez; o presidente da Sociedade Española de Xerontoloxía e Xeriatría, José Augusto García Navarro, así como do médico especialista en xeriatría, coordinador do programa ‘Memoria e Demencias’ do Concello de Malága, Director do Centro Municipal de Envellecemento Saudable e Presidente da Sociedade Andaluza de Xeriatría e Xerontoloxía, José Manuel Marín Carmona.

As II Xornadas de Traballo na Atención Sociosanitaria a Persoas Maiores poderán seguirse en internet, grazas ao Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo que ofrece a súa retransmisión en streaming a través dos seguintes enlaces:

Máis info

  • Programa "II Xornada de Traballo sobre a Atención Sociosanitaria a Persoas Maiores" | Descargar pdf

Noticias relacionadas