O Concello de Lugo remove do seu posto á xefa do Servizo de Persoal por cumprimento inadecuado das funcións atribuídas ao seu cargo

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos avanza que terá un prazo de dez días para alegar nun proceso “que é regrado e garantista”

A decisión está motivada por informes xurídicos que sosteñen que “a súa xestión foi inexistente, ou, peor, desenvolta de xeito descabelado, aleatorio e ás veces inxustificado”

O seu proceder causou a omisión da obrigada función interventora e sen que a Intervención tivera posibilidade de emitir xuízo ningún, nin con anterioridade nin posteriormente

A edil sinalou que tras o coñecemento desta situación, “se non actúa, o equipo de Goberno pode incorrer nunha grave irresponsabilidade política xa que a xestión que se fai desde a área de Persoal afecta á totalidade da actividade administrativa municipal”

Mércores, 13 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo remove do seu posto á xefa do Servizo de Persoal por cumprimento inadecuado das funcións atribuídas ao seu cargo

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe remover do seu posto de traballo á xefa do servizo de Persoal por cumprimento inadecuado das funcións atribuídas ao seu cargo. A decisión, adoptada segundo proposta da concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, vén motivada por varios informes de Intervención, do Secretario e do órgano asesor á Xunta de Goberno Local, nos que se sostén que “a xestión en materia de persoal foi inexistente, ou, aínda peor, desenvolta de xeito descabelado, aleatorio e as máis das veces inxustificado” por esta xefatura.

Os informes foron elaborados tras detectarse nun caso concreto mala praxis na xestión do persoal sen que se puidese verificar cos expedientes presentados pola xefatura deste servizo que se axustaban á legalidade, creando incertezas xurídicas non só inapropiadas “senón que podían situar ao Concello ante feitos de difícil resposta e que puideran causarlle prexuízo”, sinalou a concelleira.

Unha vez descuberto este caso, pediuse máis información para coñecer se podían existir outros semellantes. Avaliada a documentación, nas conclusións finais dos informes de Intervención, Secretario e o órgano asesor á Xunta de Goberno Local destácanse “cambios frecuentes de criterios inxustificados, informes inconclusos e/ou confusos e expedientes dos que non se ten constancia da súa remisión a fiscalización”, ou mesmo formulación de propostas sen ter en conta os informes de asesoramento xurídico emitidos, e incluso sen pedilos.

Segundo a concelleira, “a situación é de especial gravidade xa que os informes de Intervención nos indican que este xeito de actuar produciu a omisión da obrigada función interventora e sen que a Intervención tivera posibilidade de emitir xuízo ningún, nin con anterioridade, como legalmente procedería, nin posteriormente, ao non advertirse dun xeito explícito de tales extremos nin nos informes mensuais de nóminas nin, no seu caso, nos correspondentes expedientes orzamentarios”.

Paula Alvarellos lembra que a función principal da xefa do Servizo de Persoal é outorgar a debida seguridade xurídica á hora de toma de decisións, así como asegurar unha correcta tramitación e impulsión dos expedientes, observando os criterios sentados por aqueles outros que teñan encomendadas funcións de asesoramento xurídico e asegurándose da súa revisión por parte dos que teñen atribuídas as tarefas de control e fiscalización pero, en todo caso, emitindo o seu parecer razoado e concluínte, “todo o contrario ao que ten sido a súa actuación”.

Entre esas actuacións non axustadas á normativa, a edil de Gobernanza destacou o uso de figuras de provisión de postos de traballo de forma allea para os fins para as que están previstas, “como é a adscrición provisional”.

Ademais, trasladou que se “recollen certos postos que serán asimilables a prazas, desempeñados por persoal do que non consta entre a documentación remitida aquela que sexa acreditativa da superación por parte dos seus ocupantes de proceso selectivo ningún”.

Os informes son contundentes, xa que corroboran que a xefa do Servizo de Persoal “non cumpriu de modo axeitado coas funcións de informe, estudo e proposta que a normativa lle encomenda, por non tela realizado, por realizala de forma incompleta ou de xeito desigual para casos esencialmente iguais e con cambios de criterio carentes de mínima reflexión xurídica”.

Presentar alegacións

A concelleira aseverou que “o Goberno de Lara Méndez considera que tal e como indican os informes que sosteñen que é preciso poñer fin á disparatada situación organizativa que se reflicte nas prácticas sinaladas no documento e corroboradas no presente, resulta preceptivo remover a xefa do Servizo do seu posto”. “De non actuar o equipo de Goberno, incorrería nunha grave irresponsabilidade política xa que a xestión que se fai desde a área de Persoal afecta á totalidade da actividade administrativa municipal”.

Unha vez adoptado o acordo pola Xunta de Goberno Local, ábrese un período de dez días para que a xefa do Servizo de Persoal presente alegacións, que terán que ser resoltas.

“Iste é un proceso perfectamente regrado e garantista”, sostivo a concelleira. A área de Gobernanza deberá asignarlle logo un posto con carácter provisional e con efectos do día seguinte a aquel no que se produza o seu cesamento, sen prexuízo do seu dereito á percepción das retribucións complementarias que corresponden ao seu actual posto de traballo por prazo máximo de tres meses.

A edil explicou que, aínda que esa non é a vocación da Relación de Postos de Traballo, parte das situacións detectadas poden atopar unha solución “meramente provisional” na RT, “que dotará ao Concello dun instrumento co que optimizar a xestión municipal a través da reestruturación de funcións e da necesaria adaptación da estrutura organizativa”. O resto dos casos pasarán a “estudarase un a un”.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre o cese da Xefa de Servizo de Persoal| Descargar mp3

Noticias relacionadas