Os representantes da compañía trasladaron ao rexedor o seu agradecemento pola colaboración prestada ao longo do proceso de implantación do novo establecemento.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo este xoves unha reunión con representantes de Primark con motivo da próxima apertura da nova tenda da compañía no centro comercial As Termas, que terá lugar mañá venres.
No encontro participaron Nelson Ribeiro, Head of Sales de Portugal e Norte de España; María Fernández, Directora Comercial Primark Iberia; e Enrique Galego, Responsable da Área de Recursos Humanos da empresa.
Durante a reunión, os directivos da multinacional trasladaron ao rexedor o seu agradecemento pola colaboración prestada polo Concello de Lugo ao longo de todo o proceso de implantación do novo establecemento, especialmente pola cesión das instalacións municipais do CEI-Nodus para a realización das xornadas formativas dirixidas ao novo persoal.
En total, foron 1.662 horas de formación impartidas ás 75 persoas que conforman o cadro de persoal da nova tenda de Primark en Lugo, das cales máis da metade se desenvolveron de forma presencial no CEI-Nodus, un centro de referencia en innovación e apoio ao emprendemento na provincia.
Desde a compañía destacouse tamén o compromiso coa inclusión e a igualdade de oportunidades, salientando que Primark conta con máis de 10.000 traballadores e traballadoras en España, dos cales 370 son persoas con diversidade funcional, un dato que pon en valor o esforzo pola integración laboral e a diversidade nos seus equipos.
A nova tenda contará cunha superficie de 2.400 metros cadrados e será a primeira en España e a terceira a nivel mundial en incorporar o novo concepto comercial da marca, que aposta por unha experiencia de compra mellorada e un deseño innovador.
Esta apertura reforza a posición de Lugo como destino atractivo para o investimento e a implantación de grandes firmas, xerando emprego, dinamismo económico e novas oportunidades para o conxunto da cidade.



