Miguel Fernández e Anjhara Gómez Rodríguez falaron de renovar as colaboracións que manteñen en eventos, xornadas e feiras para favorecer e impulsar o sector comercial.
O rexedor destaca o importante labor da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo desde hai 37 anos e o intercambio de sinerxías, pola súa integración no CEI-NODUS.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, Aelu, Anjhara Gómez, reuníronse no primeiro encontro oficial, no que abordaron proxectos comúns para avanzar no emprendemento feminino e na dinamización empresarial, obxectivos que comparten ambas entidades. Neste sentido, falaron de renovar as colaboracións que manteñen para desenvolver eventos, xornadas, feiras e premios para favorecer e impulsar o sector comercial e empresarial, e prestar servizo de asesoría e formación ás mulleres empresarias.
Durante o transcurso da reunión, Miguel Fernández puxo en valor o importante labor que desenvolve desde hai 37 anos este colectivo, que conta con máis de 150 asociadas. Igualmente, o rexedor municipal fixo fincapé na “estreita colaboración que mantén co Concello de Lugo, con quen comparte sinerxías, obxectivos e proxectos, de forma especial no viveiro de empresas do CEI-NODUS no que está integrada. Seguiremos adiante traballando conxuntamente, gracias a ese convenio para a dinamización do emprendemento, poñendo a súa disposición os servizos e as instalacións do viveiro de empresas municipal de Garabolos”.



