O Concello de Lugo recibe o informe favorable da Xunta para a pasarela peonil ao Miño tres meses despois da súa resolución

Era o último informe pendente para poder comezar as obras, que se iniciarán en breve a estar xa adxudicada á  empresa que a construirá

Coa estrutura créase un novo itinerario para peóns e bicicletas que favoreza a continuidade da cidade ao río e dase resposta aos siareos que van ao Anxo Carro e a veciñanza en xeral

Xoves, 01 de agosto de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo recibe o informe favorable da Xunta para a pasarela peonil ao Miño tres meses despois da súa resolución

A pasarela peonil de acceso ao Miño e ao campo de fútbol Anxo Carro xa dispón de todos os permisos para que poidan comezar as obras en breve, ao estar tamén adxudicada xa á empresa que a construirá, Taboada e Ramos. A actuación, na que se investirán 862.348 euros, ten un prazo de execución de seis meses.

O Concello recibiu hoxe mesmo o último dos informes pendentes, o da Subdirección de Protección do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, a pesar de que a resolución favorable ten data do 10 de maio, e dicir, a comunicación tardou case tres meses en chegar ao Goberno local.

Foi no mes de decembro do 2018 cando desde o Concello se remitiu o proxecto a Patrimonio para a súa resolución, que é obrigada xa que a obra atinxe ao ámbito do territorio histórico do Camiño de Santiago. No mes de febreiro, dous meses despois, chegou un informe desfavorable co argumento de que a pasarela tiña “unha envergadura excesiva”, polo que á empresa responsable do proxecto, INCA, reformulou a proposta coa eliminación das abrazadeiras metálicas e o rebaixe dos piares. Agora, chega a última resolución, que é favorable, e só realiza unha recomendación:  pintar dun ton claro a cor da estrutura para que sexa máis acorde coa paisaxe.

Esta pasarela enmárcase no programa europeo Muramiñae, da Muralla ao Miño, impulsado polo Goberno de Lara Méndez para eliminar a descontinuidade urbana que existe entre Porta Miñá e o río, aproveitando ademais que discorre o Camiño de Santiago, e integrar a contorna fluvial na cidade. O programa está financiado nun 80% por fondos Feder.

Con esta estrutura créase un novo itinerario para peóns e bicicletas que favoreza a continuidade do casco urbano de Lugo á zona do río Miño, pois na actualidade soamente existen accesos peonís mediante pasos inferiores. Dase resposta, ademáis, ás peticións de pasos seguros da veciñanza, en especial  o dos miles de siareiros que acoden cada quince días ao Anxo Carro.

Noticias relacionadas