O Concello de Lugo facilitará autobuses gratuitos de ida e volta dende o centro ata o recinto do Caudal Fest cada 15 minutos

O punto de partida será a Praza de Bretaña e o de destino é a parada de bus da Volta da Viña, nas inmediacións do recinto do festival.

A medida obedece á vontade do Executivo de facilitar os desprazamentos cunha alternativa de mobilidade que, alén de sostible, redunde na mellora da seguridade viaria.

Paula Alvarellos e Mauricio Repetto supervisaron este venres o avance dos traballos de montaxe do recinto do festival que deron comezo esta mesma semana.

Venres, 06 de setembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo facilitará autobuses gratuitos de ida e volta dende o centro ata o recinto do Caudal Fest cada 15 minutos

O Concello de Lugo facilitará autobuses gratuitos cada 15 minutos dende o centro da cidade ata as inmediacións do recinto do Caudal Fest, situado na contorna fluvial do río Miño, tanto de ida como de volta, para que os asistentes acudan de forma máis cómoda e segura, como ben sendo habitual dende a primeira edición, durante os dous días de festival.

Así o avanzou a rexedora, Paula Alvarellos, quen explicou que os buses lanzadeira sairán dende a Praza de Bretaña en ambas xornadas: o venres 20 e o sábado 21, con saídas continuas desde ás 16:30 horas ata as 03:45 horas da madrugada. A alcaldesa, acompañada do edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, supervisou este venres o avance dos traballos de montaxe do recinto do festival que deron comezo esta mesma semana.

“Esta medida obedece á vontade do Executivo local de facilitar os desprazamentos cunha alternativa de mobilidade que, alén de sostible, redunde na mellora da seguridade viaria da cidade ao posibilitar que as persoas asistentes non teñan que depender de vehículos particulares para baixar ao recinto nin buscar aparcamento”, apuntou Alvarellos.

O Caudal Fest 2024 contará de novo co apoio do Concello de Lugo como impulsor e dinamizador do festival, desde a súa primeira edición, e con Estrella Galicia, principal patrocinador privado do evento.

A sexta edición do festival buscará ser a máis exitosa da historia, contando con artistas de renome como Amaral, Mikel Izal, Viva Suecia, Arde Bogotá, entre outros. “En 2023, o evento reuniu a 37.567 persoas en Lugo, supoñendo un retorno económico de 7,3 millóns de euros para o municipio e xerando máis de 350 empregos directos e 2.000 indirectos”, lembrou a rexedora quen destacou a relevancia desta cita para a economía local.

“Estas cifras reforzan a aposta do Gobermo local pola industria cultural como un elemento dinamizador da economía da cidade”, engadiu Repetto.

Sesións vermú

O Caudal Fest ampliará este ano a súa programación con dúas sesións vermú nas Caldas e no Coliving. Unha iniciativa coa que a rexedora pretende incrementar o aproveitamento destes dous equipamentos municipais e que o festival contribúa, así, a dinamizar o conxunto da contorna fluvial.

O xoves 19 de setembro, a banda local Virtua Tennis ofrecerá un directo no novo espazo cultural do Carme, no que mostrarán a súa gran aposta musical, na que combinan os ritmos rotos, con cadencias hip-hop e unha base instrumental na que se mesturan as guitarras e os sintetizadores. Mentres que o sábado 21 de setembro, nas Caldas do Miño, situadas nas inmediacións do Pazo de Feiras e Congresos, o dúo de DJs Galician Army amenizará a sesión vermú con música electrónica.

Multimedia

  • O Concello de Lugo facilitará autobuses gratuitos de ida e volta dende o centro ata o recinto do Caudal Fest cada 15 minutos

Noticias relacionadas