O Concello de Lugo facilitará autobuses gratuítos cada 15 minutos para asistir este fin de semana ao Caudal Fest #AúltimaGranFestaDoVerán

Lara Méndez avanza que se espera que participen 30.000 personas nesta segunda edición

A concellaría de Cohesión Social instalará espazos de información contra as drogas e os Puntos Violeta de prevención contra as violencias machistas

Xoves, 19 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo facilitará autobuses gratuítos cada 15 minutos para asistir este fin de semana ao Caudal Fest #AúltimaGranFestaDoVerán

O Caudal Fest é unha das apostas da alcaldesa Lara Méndez para converter Lugo nun referente das citas musicais nacionais urbanas, vinculada co desenvolvemento sostible do medio ambiente, no que ademais de grupos de fama nacional e internacional se lle ofrece unha oportunidade a grupos locais. A día de hoxe #AÚltimaGranFestaDoVerán xa é un dos festivais musicais de referencia de Galicia despois das máis de 22.000 persoas que asistiron a súa primeira edición.

O Caudal Fest, terá lugar este venres e sábado no Pazo de Feiras e Congresos, o Concello de Lugo ultima os derradeiros detalles. Un deles é o transporte público para achegarse ao recinto deste festival urbano.

Dende o Concello informan que poñen a disposición de todas e todos os asistentes autobuses gratuítos cada 15 minutos, unha medida de transporte alternativa para dar a opción de prescindir de vehículo privado para acudir ao festival, “Unha medida cómoda e segura” segundo explicou Lara Méndez, quen avanzou que os buses lanzadeira sairán dende a Praza de Bretaña as dúas xornadas do festival, con saídas continuas o venres, dende as 18:00 horas e ata as 04:00 horas dende o centro; e dende as inmediacións do festival cara a cidade, dende as 18:15 ás 04:00 horas da madrugada. Pola súa banda, o sábado será dende as 16:00 horas ata as 04:00 dende a Praza de Bretaña e de 16:15 a 04:00 h da mañá dende o festival.

No propio festival o concello habilitará un stand con información do LIFE Lugo+ Biodinámica, un proxecto do programa LIFE da UE que ten como obxectivo global poñer en práctica na cidade de Lugo unha estratexia innovadora de planificación urbana para lograr tecidos urbanos resilientes e adaptados ás consecuencias e efectos do Cambio Climático e mellorar a vida dos ecosistemas terrestres vinculado ó desenvolvemento sostible do medio ambiente, valores nos que se enmarcan o Caudal Fest, ao ser un festival que se desenvolve ao lado do río. Ademais, vincúlase coa estratexia DUSI de dar continuidade á trama urbana cara o Miño.

Nesta segunda edición do festival realizarase a campaña ‘Caudal Fest Info-Drogas’ en colaboración con Asfedro, Asociación Ferrolana de Drogodependencias. Consistirá nun espazo, atendido por 4 persoas, na que se busca reducir os riscos asociados ao consumo de estupefacientes e minorar as intoxicacións. Ademais, facilitarán de xeito gratuíto información das múltiples substancias ademais de dar resposta á diferentes cuestións que poidan ter os asistentes no relativo ás drogas ou ó consumo das mesmas. Este punto de atención estará instalado no festival e disporá ademais dun servizo de testing.

#AúltimaGranFestaDoVerán contará tamén cun punto Violeta. A alcaldesa Lara Méndez comentou que “queremos que sexan uns días de festividade e de lecer entre os veciños e veciñas da nosa cidade e de todos os visitantes que nos acompañen, que serán moitos, pero contando coa máxima seguridade posible”. O horario de atención será o seguinte: venres, de 18:30 a 04:00 horas, e sábado de 15:30 a 04:00 horas, atendido por dúas psicólogas e catro voluntarias.

O Concello avanzaba a pasada semana tamén o dispositivo de seguridade do Caudal Fest o cal contempla para o primeiro día, unha dotación de bombeiros, ademais de cinco patrullas da Policiía local e unha de atestados,  aumentando o sábado a seis patrullas da Policía Local e unha unidade de atestados,  ademais de contar nas inmediacións cos efectivos necesarios para a regulación do tráfico.

A programación nesta segunda edición será variada e de calidade, con dous días completos cheos de concertos como novidade respecto ao ano pasado, ampliando así a oferta musical para as persoas asistentes.

Ten como cabezas de cartel aos navarros Marea, que regresan tras máis de 6 anos sen actividade cun novo disco e unha xira que os levará por gran parte de España onde xa están rompendo récords de asistencia, cun dos poucos concertos que dará en festivais este ano e aos madrileños Izal, unha das bandas con máis proxección internacional do panorama actual. Ambos darán actuacións de longa duración para deleite de todos os seus fans.

Noticias relacionadas