O Concello de Lugo envía un destacamento de bombeiros a Valencia en resposta á emerxencia pola DANA

A unidade desprazada, integrada por dez efectivos, conta con bombas de achique, medios de iluminación, traxes de protección e material de autosuficiencia, entre outros recursos.

Este operativo complementa o dispositivo activado polo Concello en Lugo, que inclúe a recepción de doazóns de produtos de primeira necesidade e a mobilización de voluntariado.

A alcaldesa, Paula Alvarellos subliña que “o equipo lucense reforzará as tarefas de apoio que se están levando a cabo sobre o terreo” nunha acción coordinada coas autoridades competentes.

Luns, 04 de novembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo envía un destacamento de bombeiros a Valencia en resposta á emerxencia pola DANA

O Concello de Lugo enviou hoxe un destacamento especial composto por 10 bombeiros para colaborar nas tarefas de emerxencia que ocasionou a DANA na Comunidade Valenciana, en resposta ás necesidades de recursos materiais e humanos coordinadas pola Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP). Este operativo súmase ao dispositivo xa activado en Lugo para canalizar a solidariedade cidadá, que inclúe a recepción de doazóns de produtos esenciais e a mobilización de voluntariado.

A alcaldesa, Paula Alvarellos, subliñou que “este equipo reforzará as tarefas de apoio que se están levando a cabo sobre o terreo”, nunha acción coordinada coas autoridades competentes, co obxectivo de ofrecer unha resposta efectiva á emerxencia.

Composición da unidade e recursos materiais desprazados

A unidade de apoio enviada a Valencia está integrada por 10 bombeiros, divididos en dous equipos de 5 membros, a razón dun cabo e 4 bombeiros en cada grupo. Esta unidade leva consigo recursos materiais preparados para as condicións da emerxencia como bombas de achique – entre elas unha bomba de gran caudal, 4 bombas eléctricas e 2 de augas sucias; medios de arrastre e transporte; equipos de iluminación; equipos de auga e traxes de protección así como material de autosuficiencia como poden ser carpas, camas pregables ou esterillas para asegurar a autonomía da unidade en Valencia.

Alvarellos expresou tamén o fondo pesar do Concello de Lugo pola situación na que se atopan as persoas afectadas pola DANA e subliñou que "o Goberno local continúa traballando para canalizar de forma efectiva a solidariedade dos e das lucenses, ofrecendo medios seguros para apoiar a quen máis o necesita nestes momentos críticos."

Recordatorio: Dispositivo en Lugo para colaboración cidadá

En paralelo ao desprazamento do destacamento, o Concello de Lugo ten activado un dispositivo de recollida de doazóns e voluntariado:

  1. Doazóns de produtos: a recollida realizarase no Centro Social Díaz Castro (Rúa Díaz Castro, 6) de luns a venres, en horario de 16:30 a 20:30 horas. Solicítanse produtos de primeira necesidade como auga, leite, fiambres, pan, pan de molde, latas de atún, artigos de hixiene persoal e doméstica, cueiros e compresas que, se agradece, sexan entregados en caixa aberta para facilitar a súa clasificación e posterior transporte.
  2. Voluntariado: a Oficina Municipal de Voluntariado xestionará o rexistro de voluntarios que desexen colaborar na recepción e clasificación das doazóns. A inscrición pode realizarse a través do correo voluntariadolugo@lugo.gal ou presencialmente, a partir do martes, no Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros, s/n), en horario de 09:00 a 14:00 horas.

O Concello de Lugo aconsella que todas as colaboracións se realicen a través de organismos oficiais para garantir que a axuda chegue ás persoas realmente afectadas pola DANA.

Multimedia

  • O Concello de Lugo envía un destacamento de bombeiros a Valencia en resposta á emerxencia pola DANA

Noticias relacionadas