Os defectos na execución afectan ao sistema de recollida de augas pluviais e inadecuada evacuación de fecais nos colectores modificados pola execución da obra que se suman ás xa notificadas en relación coa zona verde, a falta de videovixilancia e os cargadores de vehículos eléctricos.
A voceira municipal, Ana González Abelleira, solicita á Xunta que resolva de inmediato estos numerosos problemas para que o aparcadoiro poida ser asumido polo Concello e posto a disposición da veciñanza.
Abelleira lamentou “a falta de rigor e de control na execución” e advertiu á Consellería que non tente converter un problema técnico nun conflito político para tapar unha mala xestión e execcuión do proxecto.

Unha vez recibida a documentación fin de obra que a Dirección Xeral de Mobilidade remitiu a este Concello, os servizos técnicos municipais veñen de detectar novas deficiencias na obra do aparcadoiro da Avenida Breogán, executada pola Xunta de Galicia, que impiden a súa posta en servizo e a recepción por parte do Concello de Lugo. As incidencias agora identificadas están relacionadas co sistema de recollida e evacuación de augas, tanto fecais como pluviais, e evidencian graves carencias na execución do proxecto.
Con motivo da execución das obras, no ámbito do aparcamento disuasorio substituiuse un colector municipal existente de DN1200mm por dous colectores de DN800mm. Na documentación final de obra remitida a este Concello inclúese o informe de inspección con videocámara das conducións executadas, observándose en ámbolos dous tramos de colector de DN800mm o estancamento de auga e residuos que impediron o paso da videocámara, polo que non foi posible completar a inspección da totalidade dos tramos. Dende o Concello requírese que se dé solución a esta acumulación de residuos nos colectores, de xeito que se garantice o adecuado funcionamento da rede municipal.
Ademais, detectouse que no vial construído no trascurso das obras na zona norte do aparcadoiro, a Xunta instalou un sistema de sumidoiros de augas pluviais sen conexión á rede nin sistema de filtración alternativo, o que fai que as augas vertan directamente a fincas particulares próximas, nas que existen hortas en uso, co conseguinte impacto ambiental.
Estas deficiencias súmanse ás xa notificadas hai meses polo Concello á Consellería responsable, referidas á deficiente execución da zona verde, que carece de sistema de rego e impide o seu mantemento, así como á ausencia de elementos incluídos no proxecto orixinal, como o sistema de videovixilancia e os cargadores para vehículos eléctricos.
A voceira municipal, Ana González Abelleira, instou á Xunta a corrixir de inmediato estas deficiencias para que o Concello poida recibir a instalación e poñela en funcionamento canto antes. “O que pedimos é dilixencia e responsabilidade. Non se pode entregar unha obra sen rematar nin con defectos que comprometen o seu funcionamento e a seguridade das persoas”, sinalou a voceira.
Abelleira lamentou “a falta de rigor e de control na execución” e advertiu á Xunta de Galicia que non tente converter un problema técnico nun conflito político para tapar unha mala xestión. “O Concello de Lugo sempre actuará con seriedade e con informes técnicos enriba da mesa. O que non imos permitir é que se intente enredar cunha guerra política cando o que hai é unha obra mal executada e sen as garantías mínimas para ser posta en servizo”, concluíu.
Audio
- A voceira municipal, Ana González Abelleira, sobre as novas deficiencias no aparcamento da Avenida de Breogán | Descargar mp3

