O Concello de Lugo aproba, co apoio da Mesa de Negociación, a Oferta Pública de Emprego do 2023 que convocará 36 prazas

O edil de Recursos Humanos, Pablo Permuy, detallou que 28 seguirán un concurso de oposición libre e o acceso ás 8 restantes será por promoción interna.

A Xunta de Goberno validará este mércores a proposta da área de Persoal coa que se pretenden aproveitar, á máxima capacidade, as taxas de reposición.

A OPE deste exercicio abordará as necesidades máis urxentes detectadas en distintos servizos municipais como a Brigada de Augas, o Cemiterio ou as vacantes nos centros cívicos para mellorar a eficacia da Administración.

Martes, 26 de decembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo aproba, co apoio da Mesa de Negociación, a Oferta Pública de Emprego do 2023 que convocará 36 prazas

O Concello de Lugo aprobará este mércores, en Xunta de Goberno Local, a Oferta Pública de Emprego para o 2023 na que se inclúe a convocatoria dun total de 36 prazas.

O edil de Economía e Recursos Humanos, Pablo Permuy, avanzou hoxe que “a 28 delas se poderá acceder mediante concurso de oposición libre e as 8 restantes serán de promoción interna, co obxectivo de abordar as necesidades máis urxentes detectadas nos diversos servizos, garantir as cadeas de mando e mellorar a eficacia dos diferentes departamentos, especialmente no que ten que ver coa atención cidadá”.

Así, na OPE deste exercicio se contempla a cobertura das vacantes existentes na Brigada de Augas, Cemiterio, Parque Móbil, Arquitectura, Policía Local, Bombeiros así como as existentes nos diferentes centros cívicos para os postos de traballador/a social, ordenanza, animador/a ou psicólogo/a.

“A nosa pretensión é aproveitar, ao máximo posible, a capacidade das taxas de reposición que, para algúns sectores chegan ao 120 e 125%”, engadiu Permuy Villanueva.

O responsable da área de Recursos Humanos destacou que a proposta saiu adiante co apoio de todas as forzas sindicais representadas na Mesa de Negociación, agás unha abstención, ao tempo que agradeceu a colaboración e o traballo realizado.

“Foi unha reunión moi cordial, que se desenvolveu en un ton de absoluta cooperación e na que tamén se falou, a título informativo, doutras cuestións que son de interese sindical. Así mesmo lles amosei o meu compromiso a, toda vez que rematen estes procesos, elaborar un calendario coas tarefas pendentes que se abordarán a continuación”, afirmou o concelleiro.

Xa para concluír, Pablo Permuy adiantou que a vontade do Executivo local é convocar canto antes esta OPE, iniciar a de 2024 e impulsar a creación dos Comités Antiacoso e de Saúde Laboral.

Audio

  • Pablo Permuy, sobre a Oferta Pública de Emprego do 2023 | Descargar mp3
 

Noticias relacionadas