O Concello de Lugo anunciou a resolución de axudas a 11 novas pequenas empresas a través do Plan Urban en materia de terrazas, fachadas e rótulos

Xoves, 01 de agosto de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, informou esta mañá da concesión de 11 novas axudas do Plan Urban, que está a desenvolver o Concello de Lugo e a Deputación e que conta cun financiamento do 80% de fondos da Unión Europea. No acto no que participaron o Alcalde accidental e Concelleiro de Urbanismo, Luis Álvarez, e a Deputada Provincial de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, explicaron a importancia da colaboración entre administracións para levar a diante plans de modernización e mellora para a cidade

Sonia Méndez informou que do total das 11 axudas, seis son para a mellora da imaxe ou creación de novas terrazas, dúas para adaptar toldos ou rótulos e tres para a mellora da fachada de negocios do casco histórico. Para esta actuación, o Concello de Lugo, conta cun presuposto de 70.000 euros, pero que se pode ampliar segundo as necesidades dos solicitantes é dicir, “ningún dos que ten a axuda concecida vai quedar sen ela por falta de finanzamento xa que nese caso ampliarase ese presuposto inicial sempre que cumpran cos requisitos” segundo Méndez.

Neste sentido salientou que “este tipo de axudas son moi importantes porque apoian a pequenas empresas e autónomos, a empresas da construción e porque melloran considerablemente a estética do casco histórico de Lugo”.

Pola súa parte, o Alcalde accidental, Luis Álvarez, lembrou que “estas axudas tamén axudan a conservar e incluso crear novos postos de traballo especialmente no sector da construción, que está a pasar por un mal momento” ademais de “que se consegue unha mellora estética nas rúas da cidade moi importante para os veciños e veciñas que as desfrutamos todos os días como para os turistas que nos visitan”.

De maneira similar, se expresou a Deputada Provincial de Economía, que se referiu á necesidade de colaboración entre administracións nunha época de dificultades como a actual para mellorar a calidade de vida dos cidadáns e dinamizar a cidade.

O Plan Urban, cofinanciado con Fondos da Unión Europea, pretende mellorar e unificar a imaxe do casco histórico de Lugo e que está vixente dende o ano 2009. Así, ao longo destes 4 anos xa se concederon 169 axudas para terrazas, rótulos e fachadas, cunha inversión de 382.000 euros que favorecen ao pequeno comercio de Lugo ademais do interese xeral xa que se mellora considerablemente a estética do centro histórico.

Multimedia

Noticias relacionadas