O Concello de Lugo adxudica o primeiro coliving artístico municipal de España que estará situado ao pé do Camiño Primitivo

A Xunta de Goberno Local outorgará a Sergonsa Servicios a execución da actuación que disporá de dez meses para materializarse e suporá un investimento de 490.978 euros.

O novo espazo, impulsado por Lara Méndez, promoverá o talento lucense a través da convivencia entre creadores e fomentará as industrias artísticas.

A intervención incluirá a reforma da que fora vivenda do pintor Gómez Pacios así como a creación dun novo edificio para exposicións e dunha zona cultural aberta.

Martes, 12 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo adxudica o primeiro coliving artístico municipal de España que estará situado ao pé do Camiño Primitivo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe que a Xunta de Goberno Local outorgará mañá á empresa Sergonsa Servicios a execución do primeiro coliving artístico municipal de España.

O proxecto inclúe a rehabilitación da que fora a vivenda do pintor e escultor Gómez Pacios -situada ao pé do Camiño Primitivo - e a creación dunha nova edificación que será área expositiva, así como a recuperación de 3.000 m² de infraestruturas verdes ao seu carón que se habilitarán como zona cultural aberta a toda a cidadanía e que contará con programación propia.

A intervención, que suporá un investimento de 490.978 euros contempla a reforma da construción existente, que disporá de tres habitacións e doutros espazos comúns e áreas de traballo e talleres. “Farase de xeito respectuoso co inmoble, conservando os muros e todos os elementos existentes de valor, como o muíño contiguo, actuando só onde se detecten danos ou eivas de habitabilidade”, relatou a rexedora.

Méndez indicou que o equipamento cultural se ampliará cun novo edificio independente, “que será de madeira e cristal para incrementar a sensación de lixeireza e evitar que resulte invasivo na paisaxe que, á súa vez, actuará como escenario de concertos, teatro e mostra do labor dos e das artistas residentes”.

En canto aos espazos verdes, a alcaldesa incidiu en que o seu deseño dará resposta aos desniveis existentes desde a Rolda do Carme á casa para que sexa accesible, polo que se estruturará en bancais creando distintos ambientes onde desenvolver actividades. Así mesmo, a existencia de auga na parcela permitirá canalizala para crear un estanque con vexetación adecuada ao seu redor.

Lara Méndez lembrou que un dos principais obxectivos desta iniciativa, que se enmarca na estratexia DUSI Muramiñae, será darlle unha oportunidade aos talentos lucenses, potenciar o emprendemento cultural e revitalizar o turismo de calidade e experiencias que este itinerario do Camiño atrae á cidade.

“Se trata de que os artistas, ao mesmo tempo que comparten lugar de traballo para desenvolver o seu proxecto creativo, compartan vivenda e experiencias durante un tempo e, grazas á ubicación na que se atopa, os creadores poderán conectar cunha contorna patrimonial de gran valor e inspiración, considerada Ben Mundial, así como cos peregrinos que a percorren”, sinalou a alcaldesa.

Ademais, para fomentar o emprendemento cultural, Méndez recordou que o Concello de Lugo entregará bolsas anuais para a estadía dos e das creadoras, cunha duración de catro meses, e conformarase un comité de profesionais de recoñecido prestixio no sector para a selección de artistas e mentores.

“O Concello de Lugo, con apoio do CEI-Nodus, realizará un acompañamento profesional e empresarial das persoas residentes, asesorándoas na creación dos seus propios negocios e poñéndoas en contacto cos distintos axentes culturais”, abondou a rexedora.

A casa Coliving é un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiado ao 80% pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER, encamiñada a unir a trama urbana de Lugo coa súa contorna fluvial, para acadar unha cidade máis sostible, verde, innovadora e moderna.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a adxudicación do Coliving | Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello de Lugo adxudica o primeiro coliving artístico municipal de España que estará situado ao pé do Camiño Primitivo
  • O Concello de Lugo adxudica o primeiro coliving artístico municipal de España que estará situado ao pé do Camiño Primitivo
  • O Concello de Lugo adxudica o primeiro coliving artístico municipal de España que estará situado ao pé do Camiño Primitivo

Noticias relacionadas