O Concello de Lugo abre a Escola de San Pedro de Mera para convertela nun espazo para a convivencia dos veciños da zona

Martes, 24 de novembro de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e a Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, entre outras autoridades visitaron esta mañá a Escola Rural de San Pedro de Mera rehabilitada a través do programa “Escola Solidaria” que comezou a funcionar en decembro do 2007, promovida polo Concello de Lugo cunha subvención da Consellería de Traballo.
Esta nova infraestrutura municipal servirá como espazo para a convivencia, o intercambio cultural, educativo, asociativo e lúdico.

A Escola de San Pedro de Mera beneficiará a máis de 120 veciños da zona que contarán cun espazo para reunirse e desenvolver actividades.

O investimento do Concello nesta actuación foi de 62.473’39 euros.

O Alcalde explicou que “esta actuación en San Pedro de Mera inclúese nas 33 escolas rurais recuperadas polo Goberno Local para que se convertan en centros cívicos ao servizo dos veciños da parroquia e dos arredores”.

A Escola contou cun total de 25 alumnos e alumnas nas especialidades formativas de albanelería e de carpintería de madeira. Contou, así mesmo, cun Director, tres mestres de obradoiro e unha administrativa.

Este programa concibiuse como un programa mixto de formación e emprego dirixido a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas menores de vinte e cinco anos a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social. A realización destes servizos de interese xeral e social posibilítalle ao alumnado a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional ocupacional recibida, relacionada directamente con dito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa inserción laboral.

O Alcalde explicou que “o alumnado recibiu ademais formación complementaria como alfabetización informática, sensibilización ambiental e sensibilización en igualdade de xénero. Así mesmo, os participantes recibiron a formación en materia de prevención de riscos laborais”.

Multimedia

Noticias relacionadas