O Concello creará un inventario cos símbolos franquistas existentes na cidade para acadar a súa retirada

O voceiro municipal anunciou no Pleno esta medida, que será incluída nos Orzamentos que prepara o Goberno para o 2018, nos que tamén recollerá a creación dun novo canil en Serra de Ancares, como avanzou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible

Aprobada a Conta Xeral do Concello, que sitúa a execución do Orzamento do 2016 nun 81% e un gasto por habitante de 900€, manténdose unha situación económica “saneada e estable”, subliñou a edil de Economía

Xoves, 30 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal, Miguel Fernández, anunciou no Pleno ordinario deste xoves que o Goberno, froito do seu firme compromiso co cumprimento da Lei de Memoria Histórica, incluirá nos Orzamentos do 2018 que está preparando a partida necesaria para a elaboración dun inventario que contemple todos os símbolos franquistas que existen na cidade co fin de solicitar a súa retirada á administración ou particular correspondente ou ben, de permitilo a Lei, facelo o Concello de maneira subsidiaria.

Fernández informou desta medida no transcurso do debate dunha moción presentada polo BNG sobre a retirada da simboloxía franquista que saíu adiante co apoio unánime da Corporación.

Canil

Na sesión plenaria, o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, avanzou tamén que ten listo o proxecto técnico para acondicionar un novo canil nunha parcela pública situada en Serra de Ancares. A dotación orzamentaria necesaria para esta obra, que tamén inclúe a instalación de aparatos de ximnasia, é de 60.000 euros, que xa estaban contemplados no proxecto de presupostos que o Goberno preparou para o ano pasado e que volverá a incluír nos do 2018. Piñeiro deu conta desta iniciativa durante o debate dunha moción popular que pedía a creación dun novo canil na cidade.

Conta Xeral

No Pleno aprobouse tamén a Conta Xeral do 2016, que, tal e como subliñou a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, sitúa o grao de execución dos orzamentos do pasado ano nun 81%, “un nivel máis que satisfactorio”, asegurou a edil, un gasto por habitante de 900 euros e unha carga fiscal sostida de 600 euros por veciño. O documento contable reflexa, indicou Prieto, que a situación económico financeira do Concello “é saneada e estable”.  

Inventario Municipal

Por outra banda, a Concelleira de Economía tamén destacou que no marco do programa Lugo Smart City, dotado con 4,1 millóns de euros achegados por Europa e o Concello, habilitarase unha plataforma informática para actualizar o Inventario Municipal. Esta medida, avanzada por Prieto durante o debate dunha moción do PP, levarase a cabo en canto o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital licite e adxudique os pregos do proxecto europeo.

Saneamento

No debate plenario de hoxe tamén se aprobou por unanimidade esixir á Xunta de Galicia que reinvista de maneira íntegra o importe do canon da auga que pagan os lucenses (2,5 millóns de euros ata o día de hoxe) en infraestruturas hidráulicas para Lugo e que dispoña anualmente as partidas orzamentarias correspondentes para, en colaboración co Concello, nunha proporción de 70% administración autonómica e 30% entidade local, avanzar na execución das redes de saneamento. Deste xeito, saíu adiante unha emenda defendida polo voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural a unha proposta de Lugonovo sobre a mellora do saneamento e o abastecemento no rural.

Sen Orzamentos non é posible

O Goberno votou a favor de todas as propostas presentadas polos cinco grupos municipais da oposición, pero deixando claro que moitas das iniciativas non se poderán levar a cabo se non saen adiante os Orzamentos, polo que pediu colaboración e responsabilidade. Por exemplo, sen presuposto non poderá acometerse o inventario da simboloxía franquista, o novo canil, as obras para finalizar a terceira fase da reforma da Praza de Abastos ou a dotación de saneamento e abastecemento ao rural.

Medalla de Ouro ao IES Lucus Augusti

O Pleno ratificou unha Declaración Institucional acordada xa o luns pola Xunta de Voceiros a través da que solicita que a Xunta conceda a Medalla de Ouro de Galicia ao IES Lucus Augusti, que este ano celebra os 175 anos da súa creación, en recoñecemento non só do labor desempeñado por esta senlleira institución, senón tamén en representación do bo facer de todo o ensino secundario da comunidade.

Neste texto consensuado, a Corporación subliña que o IES Lucus Augusti, cunha dilatada historia que arranca cunha Real Orde do 30 de novembro de 1842, é un referente cultural da cidade e da provincia. É o centro de ensino secundario máis antigo de Galicia e un dos máis veteranos de toda España, e polas súas aulas pasaron, ben como alumnos, ben como profesores, personalidades destacadas en diversos campos das ciencias, as artes ou a política, como, por exemplo, Armando Durán, J. Rodríguez Mourelo, M. Castro Gil, Julia Minguillón, Tino Grandío, Evaristo Correa Calderón, Antón  Vilar Ponte, X. Filgueira Valverde, Antonio Fraguas, Álvaro Cunqueiro, Luis Pimentel, Ánxel Fole, Manuel María, Uxío Novoneyra, Manuel Fraga ou Leopoldo Calvo Sotelo.

Amnistía Internacional en Turquía

A Corporación aprobou outra Declaración Institucional na que o Concello acorda instar ao Goberno de Turquía á retirada de todos os cargos e á liberación incondicional de Taner Kiliç e Idil Eser, presidente e directora de Amnistía Internacional no país turco, e dos demais defensores e defensoras do dereitos humanos, así como a garantir que estes poidan desenvolver o seu labor libremente e sen temor a ser perseguidos. No texto contémplase dar traslado do acordo á embaixada de Turquía en España, ao Goberno central a través do Ministerio de Asuntos Exteriores e ao grupo de Lugo de Amnistía Internacional.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre os símbolos franquistas | Descargar mp3

Noticias relacionadas