O Concello avanza na creación do Consello Municipal de Turismo elevando a Pleno o seu Regulamento

Carmen Basadre explicou a creación deste órgano, “que nace para dar cumprimento a un compromiso electoral, e que responde á importancia do turismo como motor económico para o Concello”

Luns, 23 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello avanza na creación do Consello Municipal de Turismo elevando ao Pleno do xoves o seu Regulamento

O Concello avanza na creación do Consello Municipal de Turismo elevando ao Pleno, previsiblemente ao do mes de xuño, o seu proxecto de Regulamento, aprobado en Xunta de Goberno do pasado mércores. Así o deu a coñecer este luns a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen explicou os motivos da creación deste órgano, de carácter consultivo, que nace para dar cumprimento a un compromiso electoral, e que responde á importancia do turismo como motor económico para o Concello, un sector que non deixa de crecer, rexistrando un incremento do 8,5% en rendibilidade hoteleira e un 3,5% en emprego turístico o pasado ano.

Dito regulamento recolle a definición do Consello de Turismo, que estará constituído pola pluralidade dos axentes implicados no ámbito turístico da cidade, co obxecto e deliberar, propoñer e consensuar medidas orientadas ao sector, coordinar e establecer liñas de actuación. Deste xeito, Administracións Públicas, organizacións do sector turístico, sindical e outras institucións unen forzas para competir por consolidar a Lugo como destino turístico aproveitando os tres Bens Mundiais cos que conta a cidade de Lugo, coa finalidade de fomentar un turismo sostible e de calidade. Ademais, o regulamento inclúe os obxectivos, composición, funcionamento e funcións dos integrantes.

Entre as finalidades deste órgano, atópase a análise das estatísticas relativas ao turismo, a busca de financiamento e apoios, asesoramento, o debate de iniciativas, o deseño de liñas de actuación, a elaboración de informes sobre a realidade turística e a defensa e a posta en valor do patrimonio cultural e natural da cidade.

Tal e como avanzou a edil, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, será a presidenta deste órgano, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, a vicepresidenta. Ademais, o Consello Municipal de Turismo contará cun secretario, un concelleiro que forme parte da Xunta de Goberno, un técnico da área de turismo e outro do servizo de arqueoloxía, un concelleiro por cada grupo político, un representante da Xunta de Galicia, da Deputación e da USC. Ademais, formarán parte do órgano, un representante de restauración de aloxamento turístico da cidade, de servizo de guía, de asociacións con diversidade funcional, asociacións veciñais, de defensa do patrimonio artístico, do Camiño de Santiago, así como un historiador de recoñecido prestixio e blogueiros, comunicadores ou xornalistas especializados en turismo. Poderanse incorporar novas vogalías.

En canto ao funcionamento, o Consello funciona en pleno, manténdose dúas sesións ordinarias anuais, unha por semestre, que serán convocadas pola presidencia. As sesións do Consello son públicas. Este Consello créase por prazo indefinido, tendo a súa sede en dependencias municipais.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a creación do Consello Municipal de Turismo |Descargar mp3

Noticias relacionadas