O Concello aposta por fomentar a educación viaria entre os máis cativos cunha nova edición dos cursos de Primavera Segura

Manuel Núñez, José Reigosa e Paula Yubero presentaron unha nova edición deste cursos, que terán lugar entre o 25 de abril e o 27 de maio no Parque Infantil de Tráfico. Estableceranse 5 quendas diferentes en función da idade dos nenos

Todos os interesados poden inscribirse do 4 ao 15 de abril no PIT ou na Xefatura Provincial de Tráfico. A lista de admitidos publicarase o 21 de abril

Luns, 28 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello aposta por fomentar a educación viaria entre os máis cativos cunha nova edición dos cursos de Primavera Segura

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, o director do Parque Infantil de Tráfico, José Reigosa, e a Xefa Provincial de Tráfico, Paula Yubero, presentaron este luns no Salón de Plenos os V Cursos Primavera Segura, que terán lugar entre o 25 de abril e o 27 de maio no Parque Infantil de Tráfico. Trátase dun curso organizado polo Concello, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, dirixido a uns 120 nenos e nenas entre os 8 e os 14 anos, que busca que os máis cativos adquiran condutas seguras como peatóns e viaxeiros e como usuarios do transporte público e privado, así como aspectos sobre tráfico, hábitos correctos e seguros tanto en vías urbanas como interurbanas, e situacións de tráfico reais.

Durante a presentación, Manuel Núñez fixo fincapé na importancia destas actividades “que introducen no ámbito educativo o concepto de seguridade viaria ao tempo que os máis cativos coñecen os bos hábitos na vía pública”. O edil tamén salientou o compromiso do Concello coa educación viaria, imprescindilbe para mellorar a seguridade.

Pola súa banda, Yubero agradeceu o interese do Concello na educación viaria, pois estes cursos “pretender dar valores esenciais aos máis pequenos nesta materia”. Neste senso incidiu Reigosa, quen lembrou o éxito das catro edicións anteriores de Primavera Segura, que naceu fai 5 anos para dar resposta á demanda que había pola falta de resposta doutras administracións.

Inscrición

Todos os interesados poderán inscribirse do 4 ao 15 de abril, no Parque Infantil de Tráfico ou na Xefatura Provincial de Tráfico, en horario de 09:30 a 14:00 horas. Deberán achegar a solicitude debidamente cumprimentada, a autorización familiar e unha fotocopia do DNI ou do Libro de Familia. A lista de admitidos publicarase o 21 de abril no taboleiro de anuncios do Parque Infantil de Tráfico, na páxina web do Concello www.lugo.gal e na Xefatura de Tráfico. A inscrición é totalmente gratuíta. 

5 quendas diferentes en función da idade

Estableceranse 5 quendas en función das idades dos cativos e cativas. Un primeiro turno do 25 ao 29 de abril para os nenos e nenas de entre 12 e 13 anos, un segundo e un terceiro, do 2 ao 7 de maio e do 9 ao 13 de maio, para os de 10 e 11 anos, e un cuarto e quinto, do 16 ao 20 e do 23 ao 27 de maio, respectivamente, para os nenos de 8 a 9 anos. As actividades desenvolveranse en horario de tarde, entre as 17:00 e as 19:30 horas, e cada grupo, non superior a 15 alumnos, asitirá ao menos durante unha semana seguida que será asignada previamente, recibindo formación teórica e práctica.

Máis información en www.lugo.gal ou no teléfono de atención cidadá 010. 

Audio

  • Manuel Núñez, sobre os V Cursos Primavera Segura |Descargar mp3

Noticias relacionadas