O Concello activa o alumeado do polígono residencial da Louzaneta, no que acometeu obras por 222.000€

A Alcaldesa, o voceiro municipal e o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible supervisaron a execución do proxecto de dotación de servizos públicos e urbanización desta zona, que asumiu a entidade local de maneira subsidiaria

Venres, 19 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello activa o alumeado do polígono residencial da Louzaneta, no que acometeu obras por 222.000€

A Alcaldesa, Lara Méndez, o voceiro municipal, Miguel Fernández, e o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro, supervisaron este venres a posta en funcionamento do alumeado público do polígono residencial II da Louzaneta, así como a execución do resto de obras de urbanización e dotación de servizos públicos acometido polo Concello de maneira subsidiaria cun proxecto elaborado polo servizo municipal de Enxeñería que contou cun orzamento superior aos 222.000€. Este importe será asumido agora pola xunta de compensación, conformada polos propietarios das vivendas e terreos, algúns dos cales asistiron esta tarde ao acendido do alumeado.

Moi esperadas

As obras neste sector da Louzaneta dan resposta a unha forte demanda veciñal, pois mellorará ademais da súa calidade de vida a seguridade na zona. Son froito dun acordo do Goberno cos propietarios para que fose o Concello o encargado de executar de forma subsidiaria o proxecto e a instalación de servizos públicos, unha medida que axilizou a execución das obras.

A activación do alumeado dilatouse porque non existía un proxecto visado pola Consellería de Industria, polo que tivo que ser o Concello o que asumise tamén esta tramitación administrativa. As actuacións consistiron ademais na eliminación de diferenzas de rasantes e anchos das beirarrúas e a conexión á rede de saneamento. Agora o Concello repercutirá o gasto aos propietarios.

Ao mesmo tempo, o Goberno local traballa na elaboración dun plan parcial de ordenación urbanística, que permitirá regularizar como zona industrial e desenvolver o complexo da Louzaneta no que están asentadas unha trintena de empresas. No plan delimítase a zona industrial e quedan definidas as rúas, beirarrúas, rotondas, localización das naves existentes, parcelas edificables, zonas verdes, de equipamento ou espazos libres do complexo.

Noticias relacionadas