O concello acometerá os traballos de adecentamento das rúas Pousadela e Río Sar

Rubén Arroxo: “Son dúas actuacións de baixo custo que redundarán na calidade de vida das persoas que utilizan estas rúas a diario”

Rubén Arroxo visitou o remate das obras da rúa Mar Cantábrico acompañado do concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas

Martes, 13 de agosto de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O concello acometerá os traballos de adecentamento das rúas Pousadela e Río Sar

Lugo, 13 de agosto de 2019. O alcalde en funcións, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, visitaron no día de hoxe as obras da rúa Mar Cantábrico e Santo Grial. Arroxo anunciou que as obras rematarán en breve “debido a que só queda o pintado das marcas viais”.  Arroxo aproveitou para anunciar o inicio dos traballos de adecentamento nas rúas Río Sar e Pousadela, no barrio da Cheda, demandados pola veciñanza durante os últimos anos.  “Son dúas actuacións de baixo custo que redundarán, sen dúbida, na calidade de vida das persoas que utilizan estas rúas a diario”, indicou Rubén Arroxo.

Arroxo explicou que na rúa Río Sar se procederá a realizar un asfaltado parcial, que xa fora aprobado polo goberno anterior, e cubrirase o resto da rúa con zahorra. Na rúa Pousadela, “arranxaranse as fochancas que a fan practicamente intransitable, e limparase a maleza que invade a vía”. Arroxo lembrou que “esta rúa ten unha lonxitude de 200m e é o acceso máis directo entre o barrio da Cheda e o centro da cidade, tanto en coche como camiñando”.

Na mesa de contratación celebrada hoxe, non se presentou ningunha empresa para acometer as obras da rúa Río Sar, mais desde a área de Infraestruturas xa se está traballando para acometer esta obra no menor prazo posíbel.

Con esta intervención, o concello de Lugo e a Área de Infraestruturas garanten as boas condicións de distintos servizos públicos e melloran a calidade de vida e o benestar da veciñanza da contorna e da cidadanía. Para a área de Infraestruturas, os barrios periféricos teñen que ter as atencións necesarias. Arroxo dixo que “podemos facer moitas actuacións sen grandes gastos que melloren a calidade de vida das persoas”.

Noticias relacionadas