Abre ao tránsito a esquina de San Roque totalmente rexenerada logo do impulso dado por Lara Méndez á súa reurbanización

A alcaldesa subliñou que a intervención “salda unha antiga débeda coa cidadanía, que agora volve recuperar este espazo ao tempo que se solucionan as conexións viarias nunha contorna de gran valor patrimonial”.

O pulo dado pola rexedora á modificación do PEPRI en 2019 permitiu materializar a reforma que concilia a conservación dos bens históricos coa necesaria dinamización económica do municipio.

O importe dos traballos, que remataron estes días, alcanzou os 123.757 euros.

Venres, 30 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Abre ao tránsito a esquina de San Roque totalmente rexenerada logo do impulso dado por Lara Méndez á súa reurbanización

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola tenenta de alcaldesa e concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, supervisou esta mañá o resultado dos traballos de urbanización da esquina de San Roque, antes de proceder a apertura da vía, xa totalmente remodelada, ao tránsito xeral.

Unha intervención que Lara Méndez puxo en valor, en tanto “supón a recuperación dun novo espazo para a cidadanía co que se salda, á súa vez, unha antiga débeda que resolverá as conexións viarias na contorna, de gran valor patrimonial”.

A alcaldesa aludiu á concentración, neste enclave, de dous Bens Mundiais, como son o Camiño Primitivo e a Muralla, “que agora se dignifican e gañan protagonismo visual na que se constitúe como unha das principais entradas ao recinto histórico da cidade”.

“Falamos, por tanto, dunha actuación de gran transcendencia que nos permite seguir avanzando no acondicionamento dun dos emprazamentos máis emblemáticos da capital - logo da peonalización da Mosqueira e da modernización e reforma dos xardíns e do parque infantil sitos nas inmediacións - , ao tempo que se solucionan tamén, de maneira respectuosa e permanente, as comunicacións de tráfico peonil e rodado en toda a zona, poñendo fin aos 30 anos de provisionalidade da anterior estrutura metálica que posibilitaba o paso de viandantes”, incidiu a alcaldesa.

Así, a obra – financiada pola iniciativa privada e que tivo un custo de 123.757 euros - permitiu erradicar os espazos que resultaban insalubres ou entrañaban situacións de perigo para a veciñanza como podía ser a propia pasarela de acceso aos establecementos comerciais.

“Un aspecto que reverterá, igualmente, no conxunto da seguridade cidadá e, de forma especial, en horario nocturno e baixo a perspectiva de xénero, imbricándoa no espírito do Lugo integrador e amable que estamos a construír”, subliñou Méndez.

A rexedora recordou, alén, que a nova urbanización permitirá desenvolver posteriormente nesta ubicación unha superficie de 607 metros libres para edificacións e espazos para a poboación.

A recuperación desta esquina foi posible porque no anterior mandato (xaneiro de 2019), o Executivo de Lara Méndez acadou a aprobación en Pleno da modificación do Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior, que contou á súa vez co permiso do ICOMOS, para poder levala a cabo. Unha cuestión imprescindible para desbloquear a situación na que se atopaba esta unidade dende había catro décadas.

Traballos realizados

As solucións adoptadas permitirán que o fluxo peonil da Rolda da Muralla teña a súa continuación cunha beirarrúa de 4 metros de ancho que conecta co espazo que dá acceso ao edificio lindeiro cara a rúa Montero Ríos, ao tempo que o tráfico rodado veuse tamén mellorado co ensanche da rúa San Roque, incorporando un novo viario para o acceso ao Carril das Flores, onde coexiste o tráfico peonil e o rodado restrinxido, cun tratamento de firme diferente ao ser Camiño Primitivo. Neste caso, usouse granito con formigón desactivado, seguindo as preferencias de Patrimonio.

Este tratamento diferenciado prolongouse ata o paso de peóns do inicio de San Roque, para que o acceso rodado fora máis gradual. Así mesmo, o Carril das Flores ten agora un ancho aproximado de 6 metros na súa zona máis ampla, e de máis de 4 metros na zona de acceso desde a Rolda da Muralla.

Alén disto, os muros que se xeraron pola diferencia de cota que se produce entre Carril das Flores e a Rolda da Muralla revestíronse de sillería de pedra para integralo na súa contorna, mentres que o muro lindeiro do Carril das Flores máis próximo á futura edificación resolveuse cunha varanda.

Entre outros detalles, a actuación contemplou obras de demolición e reposición de pavimentos na calzada, apertura de gabias para redes de servizos, derruba de muros e de dúas edificacións en San Roque (números 5 e 7), así como a construción da infraestrutura para a nova beirarrúa. Obras que afectaron ao subsolo nunha zona de ámbito PEPRI polo cal foi obrigada a realización das escavacións arqueolóxicas, sobre as que se exerceu un permanente e escrupuloso control.

Os traballos completáronse, así mesmo, coas medidas necesarias para o establecemento da prioridade peonil do devandito Carril das Flores, incorporando elementos de sinalización e regulación viaria.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a apertura San Roque | Descargar mp3

Multimedia

  • Abre ao tránsito a esquina de San Roque totalmente rexenerada logo do impulso dado por Lara Méndez á súa reurbanización

Noticias relacionadas