O compromiso do Goberno coas 54 parroquias: 4M€ de investimento, vantaxes fiscais e oficina do rural

A Alcaldesa participa no tradicional encontro anual cos pedáneos e pedáneas organizado polo Concello nas casetas do polbo, ao que está prevista a asistencia de unhas 80 persoas

Venres, 02 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O compromiso do Goberno coas 54 parroquias: 4M€ de investimento, vantaxes fiscais e oficina do rural

A Alcaldesa, Lara Méndez, xunto ao voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, participará este venres no tradicional encontro anual organizado polo Concello nas casetas do polbo cos pedáneos e pedáneas das 54 parroquias do municipio, territorio co que o Goberno practica un compromiso claro de apoio e dinamización socioeconómica con medidas como a consignación nos orzamentos de 4M€ no que vai de mandato para servizos públicos básicos (alumeado, roza, asfaltado, abastecemento ou saneamento), a implantación de vantaxes fiscais -bonificación do 95% da cota íntegra do IBI das construcións dedicadas a actividades agrogandeiras e reducción dun 50% do ICIO nas licenzas de explotacións gandeiras, agrícolas e forestais-, así como a posta en marcha dunha Oficina Municipal de Asuntos do Rural, que ofrece apoio especializado, información e asesoramento á veciñanza. No encontro, ao que tamén asistirán as concelleiras de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, está prevista a participación dunhas 80 persoas. “Traballamos para que o noso rural, que ten un peso específico en Lugo, pois representa o 10% da poboación e o 80% do territorio, sexa un lugar de oportunidades, que se poida vivir no rural e do rural”, subliñou a Alcaldesa.

Noticias relacionadas