O CEI – Nodus oferta varios cursos de formación para emprendedores no ámbito da transformación dixital

A organización destes talleres obedece a aposta decidida e ao apoio do goberno de Lara Méndez tanto á modernización do comercio local como á capacitación dos emprendedores para que desenvolvan, con éxito, novas fórmulas de negocio

Coñecer o ecosistema emprendedor, achegar propostas de valor e abordar os distintos modelos de negocio que existen ou abondar nas estratexias que permiten acadar os primeiros clientes son algúns dos aspectos sobre os que versarán estes obradoiros, de carácter gratuíto, que serán impartidos por Red.es entre o 9 e o 11 de marzo

Venres, 28 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O CEI – Nodus oferta varios cursos de formación para emprendedores no ámbito da transformación dixital

A área de Desenvolvemento Local e Emprego continúa pulando polo emprendemento no ámbito da transformación dixital como mostra da aposta decidida e ao apoio do goberno de Lara Méndez tanto á modernización e adaptación do comercio local á transformación dixital imperante como solución á competencia que supón a venda por internet, como á capacitación dos emprendedores para que poidan poñer en marcha, de forma exitosa, novas fórmulas de negocio.

Entre o 9 e o 11 de marzo, as instalacións do CEI - Nodus acollerán a realización de varios obradoiros de formación dirixidos a profesionais que se atopen inmersos en procesos de dixitalización e transformación dixital das súas empresas ou que requiran actualizar a súa formación e incorporar novas competencias para mellorar a súa proxección profesional e mesmo a súa situación laboral.

“Os talleres, impartidos por Red.es desenvolveranse en tres sesións, cada unha de catro horas de duración, en horario de 16:00 a 20:00 horas”, indicou o edil Mauricio Repetto.

O concelleiro sinalou que o primeiro dos cursos, programado para o luns, día 9, basearase en analizar os diferentes conceptos propios do ecosistema emprendedor, “para familiarizarse coa terminoloxía sobre emprendemento – que é unha start up, o coworking, etc. Ademais, outro dos aspectos importantes a tratar é o dos axentes que operan no mercado e que poden axudar na creación e desenvolvemento dunha empresa, como as incubadoras ou aceleradoras”.

As persoas asistentes terán tamén a oportunidade de traballar e practicar as diferentes técnicas de ideación e solución de problemas que achega o Design Thinking así como identificar as diferentes fórmulas de financiamento de proxectos nas distintas fases de idea, semente, crecemento, escalado e exit.

Repetto explicou tamén que o obradoiro previsto para o martes 10, centrarase, pola súa banda, en coñecer e analizar os diferentes modelos de negocio, para dominar a xeración de ingresos e a xestión de custos, identificando as ferramentas e habilidades a ter en conta cando se traballa con socios.

“Cales son os proles, contras e cautelas ou practicar algunhas metodoloxías de xestión de proxectos que están a transformar as empresas nos últimos anos son algunhas das actividades que se levarán a cabo”.

Finalmente, na xornada do mércores, falarase de como conseguir clientes que permanezan fieis á marca utilizando estratexias de fidelización eficaces.

“Neste taller intentaremos comprender o rol do cliente nunha contorna dixital e valorar as técnicas para poñer en marcha unha estratexia de márketing ao respecto. Igualmente, abordarase a medición de resultados e a optimización das accións online como un proceso continuo de mellora para o logro dos obxectivos empresariais”, referiu o edil de Desenvolvemento Local.

O concelleiro subliña que a formación será de gran utilidade xa que propiciará unha actualización de coñecementos na materia tratada e se achegarán novas saídas profesionais. “Supón, ademais, unha oportunidade para os traballadores de calquera empresa que poderán ampliar as súas competencias para acceder a novos postos na organización ou mellorar as condicións dos seus cargos actuais”.

As persoas interesadas poden inscribirse, até o día anterior á realización de cada un dos obradoiros, a través da seguinte ligazón: https://adalidformacionyempleo.com/redes/  e, automaticamente chegaralles un mail coa documentación que teñen que enviar segundo sexan traballadores ou desempregados.

As tres accións desenvolveranse en modalidade presencial e, trala formación, as e os participantes que superen con éxito a avaliación final do curso poderán obter un certificado do mesmo.

Audio

  • O edil Mauricio Repetto, sobre a transformación dixital | Descargar mp3

Noticias relacionadas