O CEI Nodus acolle unha xornada de portas abertas para dar a coñecer o viveiro de empresas municipal e fomentar o emprendemento en Lugo

A iniciativa, enmarcada no movemento Localmente Lucense, terá lugar mañá e estará dirixida a centros educativos e cidadáns interesados en visitar estas instalacións.

Lara Méndez: “Trátase dunha boa oportunidade para escoitar as experiencias dos emprendedores que actualmente están a dar os seus primeiros pasos no CEI-Nodus”.

Haberá visitas guiadas, mesas redondas e charlas sobre emprendemento, proxectos de mobilidade europea, fontes de financiación, así como unha xincana con premios.

Martes, 15 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O CEI Nodus acolle unha xornada de portas abertas para dar a coñecer o viveiro de empresas municipal e fomentar o emprendemento en Lugo

O Centro de Empresas e Innovación do Concello (CEI-Nodus) acollerá mañá, mércores, unha xornada de portas abertas, co obxectivo de dar a coñecer e promover o viveiro de empresas municipal que albergan estas instalacións, ao tempo que se fomenta o espírito emprendedor entre os lucenses, a través de mesas redondas e charlas a cargo de emprendedores da cidade. Así o avanzou a alcaldesa, Lara Méndez, quen convidou a todas e todos os interesados en participar a achegarse ao longo da mañá.

“Trátase dunha boa oportunidade para descubrir in situ os espazos dos que dispoñen as persoas que desexen iniciar un novo proxecto ou negocio na cidade, como tamén para escoitar e coñecer de primeira man as experiencias e ideas empresariais das persoas que actualmente están a dar os seus primeiros pasos no viveiro do CEI-Nodus, a través de visitas guiadas”, explicou a rexedora.

O programa incluirá mesas redondas nas que empresarios e emprendedores lucenses compartirán experiencias e resolverán preguntas e cuestións planteadas polos participantes; haberá unha charla a cargo da Escola Embaixadora do Parlamento Europeo, IES Monte Castelo, sobre o programa Erasmus Plus e as posibilidades de mobilidade que ofrece a Unión Europea; así como un seminario sobre fontes de financiación para a posta en marcha de proxectos empresariais, no que tamén se explicarán as oportunidades que se lle abren ás empresas innovadoras a través da estratexia Lugo Transforma, onde se mobilizan 13 millóns de euros para reter talento, atraer empresas e crear empregos de calidade no municipio.

Finalmente, os participantes poderán participar nunha xincana para coñecer as instalacións do CEI-Nodus de xeito lúdico, que contará con tres premios de 100, 75 e 50 euros, respectivamente, en forma de vales para gastar nos negocios Localmente Lucenses.

Esta iniciativa enmárcase no Plan de fomento do emprendemento e consolidación empresarial da Estratexia global de dinamización, reconstrución e reactivación da economía de Lugo posta en marcha polo goberno de Lara Méndez trala pandemia. Toda a información e as bases para participar na xincana poden atoparse na páxina web: https://localmentelucense.gal/ceinodus/.

Programa da xornada

  • 10.00 h. Benvida, explicación do programa, apertura do photocall e presentación do Cei Nodus, viveiro de empresas municipal.
  • 10.30  h. Comezo das visitas guiadas polas instalacións.
  • 10.30  h. – 11.30 h. Mesa redonda “A miña experiencia neste viveiro” a cargo de persoas emprendedoras do Cei Nodus.  No Salón de actos.
  • 11.30 h. Xincana “Coñece o teu talento” coa que descubrir as instalacións do Cei Nodus de xeito lúdico. INSCRICIÓNS presenciais no stand LocaLmenteLucense o día do evento. PREMIOS, que consistirán en vales para gastar nos negocios adheridos ao movemento LocaLmente Lucense:
    • 1º premio: vale de 100 euros
    • 2º premio: vale de 75 euros
    • 3º premio: vale de 50 euros
  • 12.45 h. Charla de escolas embaixadoras do parlamento europeo: presentación e experiencias de alumnado ERASMUS. Salón de actos.
  • 13.15 h. Charla sobre fontes de financiamento a cargo de representantes de entidades financeiras. Salón de actos.
  • 14.45 h. Entrega de diplomas e premios da xincana.

Noticias relacionadas