Ana Prieto deulles a benvida aos participantes nestes talleres, que pretenden mellorar a inclusión no mercado laboral de mozos e mozas menores de 30 anos

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, deulles este luns no Salón de Actos do CEI-Nodus a benvida aos participantes nos talleres formativos do programa PROEMGA. Este proxecto, que pretende mellorar a inclusión no mercado laboral de mozos e mozas menores de 30 anos, conta con tres fases diferenciadas que se desenvolverán ata o 4 de novembro.
Ana Prieto agradeceulle á Fundación Galicia Innova a organización destas actividades e mostrou a súa satisfacción “por acoller nestas dependencias municipais este proxecto, xa que o edificio foi rehabilitado para dedicalo as persoas desempregadas, ás que procuramos atender dedicando unhas das mellores instalacións coas que conta a entidade local, e que serven de referencia para moitas outras administracións”.
“Aínda que o emprego é unha competencia autonómica, pero o Concello aposta por apoiar aos desempregados do noso municipio, non só con instalacións, senón tamén acadando importantes proxectos cofinanciados pola Unión Europea”, segundo destacou a edil.
Deste xeito, a Concelleira subliñou que “o CEI-Nodus está dedicado por completo ao emprendemento, e como podedes comprobar ao longo destes días, aquí están aloxadas moitas empresas, cuxos emprendededores e emprendedoras son persoas mozas e dinámicas, que con esforzo se autoempregaron grazas aos proxectos que foron capaces de soñar e sacar adiante, como espero que a maioría de vos tamén consiga”.
Por outra banda, Ana Prieto lembroulles que neste edificio tamén se atopa o Espazo de Orientación Laboral do Concello Espazo>Lab, onde se están a impartir varios cursos, e proximamente un obradoiro de emprego, denominado EMPREGA-TIC. Estes proxectos en total facilitan que 45 persoas acaden certificados de profesionalidade en niveles 2 e 3.
Ademais, aproveitou para informalos de que “estamos a poñer en marcha un Plan de Emprego 100% municipal, denominado (con)trato feito!, que está dotado con 1.150.000 euros”. Tamén lles desexou a todos os participantes que teñan a oportunidade de deseñar o seu futuro e conten coas ferramentas necesarias para acadar os seus soños.
Para inscribirse ou obter máis información, pódese consultar a páxina web www.fundaciongaliciainnova.org/proemga