O Caudal Fest 2023, que incorpora a dez novos artistas, dous de Lugo, xa ten vendidas 10.000 entradas cada día do festival

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou o altísimo ritmo de vendas de pases para este ano, “que conta cunha calidade artística altísima, que nos consolida como un referente nacional”.

Os lucenses Berta Franklin e Galician Army se suman aos grandes nomes xa anunciados como Leiva, Vetusta Morla, Dani Fernández, Ojete Calor, Sidonie ou La La Love You.

O Caudal Fest terá lugar os días 15 e 16 de setembro no entorno do Miño.

Luns, 06 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Caudal Fest 2023, que incorpora a dez novos artistas, dous de Lugo, xa ten vendidas 10.000 entradas cada día do festival

O Caudal Fest amplía o seu cartel con 10 novos artistas, dous deles de Lugo, Berta Franklin e Galician Army, cos que a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quere seguir promocionando os grupos locais nun evento que é xa todo un referente no panorama dos festivais nacionais de verán. “Queremos que o Caudal, ademais dun evento que ofreza música de calidade e un revulsivo económico para a cidade os días da súa celebración, sexa unha plataforma de visibilidade para os músicos lucenses”, sostivo a rexedora.

Ambas as dúas agrupacións foron presentadas hoxe, xunto a outras oito novidades, que se suman á oferta musical que o Caudal Fest ofrecerá este ano na contorna do Miño os días 15 e 16 de setembro. “A sete meses da súa celebración, o ritmo de venda das entradas é excelente con máis de 10.000 pases adquiridos cada día do festival. De continuar así, o 2023 marcará un novo fito de público na historia desta iniciativa”.  

Esteban Girón, representante do Caudal, incidiu nas palabras da rexedora, destacando que moitos dos pases se están comprando desde fóra de Galicia, de todo o noroeste español e tamén doutros países, lembrando que na edición do ano pasado foi moi numeroso o público procedente de Francia e Portugal.

Na presentación das incorporacións ao Caudal, Méndez estivo acompañada de Juan Castro, membro de Berta Franklin, e de Sergio Vallejo e Alberto Prado, que forman Galician Army, bandas que agradeceron o apoio e empeño da alcaldía do Concello de Lugo por apostar polo talento lucense “en todas as edicións do festival”.

Na primeira das xornadas do festival, actuarán Vetusta Morla, como cabezas de cartel; ademais de Dani Fernández, recentemente galardoado como ‘Mellor Artista Masculino’; o grupo madrileño definido como unha das primeiras sementes do indie rock pop nacional, Miss Cafeína, e La La Love You, unha das bandas novas en auxe dos últimos anos con centos de miles de fans en toda España. A este cartel súmanse agora Belén Aguilera e Serial Killerz, así como os coruñeses Escuchando Elefantes e Javi Chapela.

Leiva encabezará a xornada do sábado, na que tamén actuarán os cataláns Sidonie, clásicos do indie pop rock español cunha listaxe de grandes éxitos; Ojete Calor, coas súas letras cheas de humor; Yeico x Toni, un dos fenómenos musicais do ano entre as xeracións máis novas, así como as últimas confirmacións: Natalia Lacunza, Veintiuno, Jaguayano e Eva McBel, aos que acompañarán os lucenses Berta Franklin e The Galician Army.

As entradas poden adquirirse en www.caudalfest.es. A organización confirma que o vindeiro mércores 8 de febreiro se poñerán á venda as entradas diarias, ademais de continuar coa venda dos pases para os dous días.

Audio

 

Noticias relacionadas