O Arde Lucus máis patrocinado da historia, regresa no seu máximo esplendor, cunha programación que inclúe máis de 400 actividades

A alcaldesa de Lugo e o edil de Xuventude presentaron este luns o programa da cita, acompañados de membros das asociacións de recreación histórica do concello.

Lara Méndez: “É unha edición moi ilusionante, queremos acadar o distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional, para o que focalizamos os esforzos nos últimos dous anos”

A XXI edición do Arde Lucus, que terá lugar do 9 ao 12 de xuño, contará cunhas 100 actividades diarias, que encherán de vida as rúas da cidade.

Entre as novidades destaca un espectáculo de realidade aumentada na Mosqueira, pioneiro en Galicia, a través do que se recreará en tempo real a época de esplendor de Lugo no s. I.

Tamén regresan dúas actividades estrela: o circo e a carreira Mvrvs Lvcis, ambas con inscrición previa. Haberá vodas, loitas, desfiles, obradoiros e un amplo número de actos.

Luns, 23 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Arde Lucus máis patrocinado da historia, regresa no seu máximo esplendor, cunha programación que inclúe máis de 400 actividades

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto, presentaron este luns o programa que este ano dará vida á XXI edición do Arde Lucus os días 9, 10, 11 e 12 de xuño. Trátase, segundo explicou a rexedora da edición máis especial e agardada, tras dous anos de restricións por motivo da pandemia, así como a máis patrocinada da historia desta cita. “Será a edición na que contemos con maior respaldo tanto público como privado, empezando polo propio Concello, pero hai que salientar tamén o apoio do tecido empresarial da cidade, que demostra a implicación e repercusión do Arde Lucus para o municipio”, explicou.

Así mesmo, Lara Méndez explicou que “estamos nunha etapa moi ilusionante porque queremos acadar o distintivo de Festa de Interese Turístico Internacional, para o que focalizamos os esforzos nos últimos dous anos, de xeito que, nesta edición, ademais de recuperar todo o seu esplendor consigamos dar ese paso último para poñer esta cita no mapa internacional”.

Neste senso, a rexedora destacou o alcance social, turístico e económico da festa de recreación histórica. “O Arde Lucus é un magnífico escaparate de cara a promoción turística de Lugo, trátase dun motor imprescindible para axudar ao desenvolvemento da nosa cidade e para que cada vez mais xente nos coñeza e nos visite”, apuntou.

A programación deste ano inclúe 400 actividades de animación de rúas, obradoiros para nenos e adultos, vodas celtas, recreación de loitas, desfiles, circo e un amplo etcétera. “En total, serán unhas 100 actividades diarias, que encherán de vida as rúas da nosa cidade e nas que participarán as 19 asociacións de recreación histórica de Lugo, parte indispensable da cita”, remarcou a alcaldesa.

Entre as novidades, Lara Méndez destacou un espectáculo pioneiro en Galicia de realidade aumentada en 5D que albergará A Mosqueira, a través do que se tematizará en tempo real a época de esplendor de Lugo no século I, recreando a muralla romana na súa altura orixinal, con romanos paseando no adarve, permitindo aos espectadores integrarse na época, axudando a achegar a historia de Lugo a través das novas tecnoloxías.

Así mesmo, a Capela do Carme, acollerá por vez primeira unha obra de teatro, “O rato da biblioteca”, na que participarán todas as asociacións de teatro de  Lugo. A rexedora tamén lembrou outra das actividades estrela como son os concertos de balde, na praza de Santa María de Saor Patrol, o 11 de xuño, e das Tanxugueiras, o domingo 12, que suporá o broche de ouro a unha edición histórica.

O concelleiro de Xuventude sinalou que, esta edición, como é costume terá un fío condutor narrativo da festa, a través de actos oficiais nos que participan todas as asociacións para a  internacionalización do evento desde o momento no que as tropas romanas entran na Ponte Romana, ata o acto final da firma da paz entre os romanos e as tribos castrexas. No programa verase reflectida a recreación histórica que poderán presenciar os visitantes para que poida dar sentido á historia que se tenta recrear nestes tres días e así poder comprender os actos que van tendo lugar dentro dun contexto histórico.

Regreso de dúas actividades estrela: o circo romano e a carreira Mvrvs Lvcis

Ao longo de tódolos días haberá un sen fin de actividades que farán revivir o pasado romano da cidade, levando a lucenses e visitantes séculos atrás ata o que era a antiga Lucus Augusti. Unha das grandes citas terá lugar, o sábado co Circvs Romano na Explanada do Pavillón Municipal. Solo se poderá acudir con entrada, en venta a través da páxina web: www.entradaslugo.es. Tamén, como prato forte, está incluído na programación o desfile de colexios, no que participaran preto de 3.000 nenos e nenas da cidade, de 19 colexios e as AMPAS. Así mesmo, A carreira Mvrvs Lvcis voltará a retar a romanos e castrexos polo adarve da Muralla, podendo inscribirse a través de: www.formulario.xuventudelugo.gal.

No programa xeral do Arde Lucus mantéñense as actividades estrela doutras edicións, como os campamentos, os desfiles, a queima da muralla, a recreación da primeira manifestación feminina, que se celebrou en Roma por parte de mulleres, que terá lugar diante do campamento do Senado, na que reclamarán os seus dereitos; tamén as loitas e pelexas de gran realismo na Praza de San Marcos e Santa María, entre outras. Durante as noites, a cidade contará con animación continuada de rúa, coa presenza de desfiles, gardas romanas, tambores, etc.

A alcaldesa de Lugo e o edil de Xuventude aproveitaron para agradecer in situ, a participación das asociacións de Lugo, que “levan a cabo unha recreación histórica fidedigna, e que de novo sosteñen un gran número de actividades do programa”, así como ás empresas patrocinadoras.

Audio

 

Multimedia

  • O Arde Lucus máis patrocinado da historia, regresa no seu máximo esplendor, cunha programación que inclúe máis de 400 actividades

Noticias relacionadas