As actuacións estanse a levar a cabo con recursos propios do Concello e con cargo ao Plan Deputación nos lugares de Rubiana, Castro, Guntín e Vilar.
Ditas obras comprenden canalizacións de augas, cunetas, tubos e asfaltados para mellorar a conectividade e os servizos municipais nas zonas rurais do municipio.
Miguel Fernández, xunto á edil de Cohesión Territorial, destacou a importancia destas obras para “garantir a calidade de vida nestes núcleos e impulsar o seu desenvolvemento”.

Co obxectivo de garantir unhas infraestruturas adecuadas para as veciñas e veciños do rural, o Goberno Local sigue adiante con actuacións e traballos de mellora da rede viaria, nesta ocasión en varios núcleos da parroquia de Meilán. O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado da edil de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, supervisaron esta semana as intervencións que se están a acometer, entre elas as obras no núcleo de Guntín, en Meilán, onde se está a actuar en distintas vías, ben con recursos propios da brigada da zona rural ou ben con cargo ao Plan Deputación 2024, que para esta parroquia tiña un orzamento total de máis de 117.000 euros.
Miguel Fernández e Ana Abelleira comprobaron a marcha destes traballos desde a N-VI ata a LU-2902, no lugar de Guntín, na parroquia de Meilán, nas que se renovou todo o asfaltado. Ademais, a brigada da zona rural actuou nos núcleos de Rubiana, Castro, Vilar e tamén no citado de Guntín, non só co asfaltado, senón coa mellora das canalizacións de auga, limpeza de cunetas e reparación e renovación dos tubos.
O alcalde amosou a súa satisfacción pola marcha destes traballos cos que “damos resposta ás demandas veciñais para mellorar as infraestruturas do rural, contribuíndo a mellorar as comunicacións, que son fundamentais para o desenvolvemento e impulso do noso rural, garantir servizos, dinamizar a súa economía e fixar poboación”.
Neste sentido, a edil de Cohesión territorial, Ana González Abelleira, fixo fincapé en que “estas actuacións favorecen a accesibilidade aos distintos núcleos das zonas rurais, para o que empregamos materias de calidade. Ditas obras tamén servirán para mellorar a drenaxe e facilitar unha circulación máis fluída ao tempo que evitamos problemas pola acumulación de auga nos viais”.

