Notario Vacas preséntalle a Lara Méndez os seus libros de memorias con lembranzas familiares e do seu paso pola alcaldía

A primeira mandataria lucense pechou con el o desenvolvemento dun acto para presentar as obras autobiográficas na casa do Concello

Martes, 24 de novembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Notario Vacas preséntalle a Lara Méndez os seus libros de  memorias con lembranzas familiares e do seu paso pola alcaldía

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu hoxe a Tomás Notario Vacas, rexedor da cidade entre os anos 1976 e 1977 e durante a etapa de 1991 a 1995, con quen mantivo unha longa conversa sobre temas de cidade e sobre a súa evolución.

Ademais, o que foi primeiro mandatario lucense presentoulle á rexedora os dous libros autobiográficos que recompilan as súas memorias, ‘Dónde nace una vida’ e ‘Lex dura lex, objetivo cumplido, alcalde abatido’, onde repasa episodios da súa vida familiar, profesional e da súa etapa política. Ambas as dúas obras foron editadas e custeadas polo seu autor, e o que recaúde da súa venda o quere entregar a organizacións benéficas.

A rexedora pechou con Notario Vacas o desenvolvemento dun acto de presentación das súas obras no mesmo Concello de Lugo. “acto co que queremos recoñecer o seu traballo a prol da cidade, así como o honramos tamén na entrega das Medallas de Ouro do pasado ano, distinción que recibiu xunto con todos os alcaldes que rexeron os destinos do noso municipio desde que se instauraron as corporacións democráticas”. “Ese día, desgraciadamente, Notario Vacas non nos puido acompañar por motivos de saúde”, segundo lembrou Lara Méndez.

Noticias relacionadas