Música e fotografías de Cabo Verde para promover a multiculturalidade en Lugo

Dende hoxe e ata o día 21 de novembro, no Centro de Convivencia de Fingoi, poderá verse a exposición Galicia-Cabo Verde: unha irmandade. Realizada por Rober Amado, reúne 20 instantáneas do arquipélago africano

Estas mesmas instalacións municipais acollerán o sábado, 17 de novembro, dende as 19:00 horas, un concerto do grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña

Xoves, 08 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello, en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, trae a Lugo dúas actividades solidarias e de cooperación neste mes de novembro. Trátase, por unha banda, dunha exposición, que poderá verse dende hoxe e ata o día 21 no Centro de Convivencia de Fingoi; tal e como explicou a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira. A mostra, Galicia-Cabo Verde: unha irmandade; está composta por 20 paneis, realizada polo fotoxornalista Rober Amado, como gañador do primeiro certame Imaxe con Fondos, e que reúne 20 instantáneas do arquipélago africano. O reporteiro ferrolán, colaborador de diversos medios e galardoado tamén co premio Tiflos da ONCE, pasou un mes visitando boa parte dos proxectos alí apoiados, coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos como parceiro local. Froito do seu percorrido por media ducia de illas son as vinte imaxes protagonizadas polas persoas beneficiarias destas intervencións, retratos da vida cotiá que en conxunto achegan ao espectador á realidade africana.

Por outra banda, estas mesmas instalacións municipais acollerán o sábado, 17 de novembro, dende as 19:00 horas, un concerto do grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña. Actúan en Lugo no marco da xira por 15 concellos socios do Fondo Galego de Cooperación en todo o ano 2018, para promover a interculturalidade e a inclusión. Ambas as dúas actividades son de balde.

A emigración, a identidade ou a situación da muller son algunhas das cuestións que centran os temas de Batuko Tabanka, que tamén ofrecerá unha charla introdutoria na súa actuación. A agrupación reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante. Así o fan mentres baten con forza e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas, o batuko, e mesmo saíndo bailar nalgunhas cancións.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que celebrou en 2017 o seu vixésimo aniversario, está integrado por 96 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. 

Noticias relacionadas