A Muralla de Lugo divúlgase nun simposio internacional de cidades fortificadas

Carmen Basadre puxo en valor este encontro, no que participan 5 países, para impulsar tanto a Muralla como a cidade. Neste senso, a edil lembrou que dende a declaración da Muralla como Ben Mundial, o turismo incrementouse nun 92%

Martes, 14 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo participa dende hoxe e ata xoves en Ávila no Simposio Internacional de Murallas. Trátase dunha iniciativa organizada polo Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade en colaboración co Ministerio de Educación Cultura e Deporte, no que interveñen representantes de España, China, Francia, Portugal e Colombia.

Baixo o título Cidades Fortificadas Patrimonio Mundial, este foro servirá para analizar as situacións destes monumentos tanto dende unha perspectiva histórica como dende as intervencións realizadas e a aplicación das novas tecnoloxías na súa restauración, así como a identificación de riscos e necesidades desta arquitectura. No simposio, un arqueólogo da entidade local falará da experiencia da Muralla de Lugo, aportando unha visión global sobre este monumento.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, puxo en valor este encontro de carácter internacional, no que participan 5 países, para impulsar tanto o buque insignia de Lugo, a Muralla, como a cidade. Neste senso, a edil lembrou que dende a declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, no ano 2000, o turismo na cidade rexistrou un incremento dun 92%, ao tempo que se mostrou convencida do potencial que ten o turismo para a valorización de todo canto patrimonio ten a cidade. 

Audio

  • Carmen Basadre, sobre Cidades Fortificadas Patrimonio Mundial |Descargar mp3

Noticias relacionadas