Muller e Igualdade organiza unha xornada sobre a realidade e a situación en Lugo da trata de mulleres con fins de explotación sexual

Celebrarase o 23 de setembro, coincidindo co Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas.

A xornada será no Salón de actos da Facultade da Formación do Profesorado, das 10.00 ás 14.00 horas e das 17.00 ás 20.00 horas. A entrada é libre ata completar o aforo.

Profesionais de distintas entidades dedicadas á atención de mulleres vítimas de violencias machistas, trata e explotación sexual falarán do traballo que realizan neste ámbito, así como os protocolos e os sistemas dispoñibles para atender ás vítimas.

Silvia Alonso lembrou que sigue aberta a participación no concurso en TikTok #Lugoporlaigualdad,  conta con dous premios: un primeiro premio dotado con 200 euros e un segundo con 100 euros.

Martes, 20 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Muller e Igualdade organiza unha xornada sobre a realidade e a situación en Lugo da trata de mulleres con fins de explotación sexual

O Goberno de Lara Méndez, a través da Concellería de Muller e Igualdade, que lidera Silvia Alonso, organiza a "Xornada sobre a trata de mulleres con fins de explotación sexual: situación e actuación en Lugo e retos de futuro". Celebrarase este venres, 23 de setembro, coincidindo co Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas, no Salón de actos da Facultade da Formación do Profesorado, das 10.00 ás 14.00 horas e das 17.00 ás 20.00 horas. A entrada é libre ata completar o aforo.

A Concelleira puxo de manifesto a importancia de levar a cabo iniciativas deste tipo, co obxectivo de sensibilizar pero tamén de denunciar e remover conciencias ante esta situación, un modo de escravitude e unha das formas máis graves de violencia contra a muller, o que supón tamén unha violación dos dereitos humanos. Con esta xornada, Muller e Igualdade pretende ademais convencer á cidadanía de que a prostitución tamén é violencia de xénero, dado que o tráfico e trata de mulleres e a prostitución van a miúdo da man. De feito, segundo a ONU, en España, o 39% dos homes en idade adulta afirma que pagou nalgunha ocasión por manter relacións sexuais, iniciándose cada vez máis novos no mundo da prostitución e máis do 80% das mulleres que exercen a prostitución en España fano en contra da súa vontade e baixo redes de trata. Antes estas cifras, e se lle sumamos que as novas tecnoloxías se converteron nunha forte ferramenta de captación de vítimas, a Concellería visibiliza dous problemas que non son alleos á cidadanía, en consonancia tamén co IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Lugo.

Ao longo do día, profesionais de distintas entidades dedicadas á atención de mulleres vítimas de violencias machistas, trata e explotación sexual, a quen a Concelleira lles quixo amosar o seu agradecemento pola boa disposición para celebrar este evento na cidade xunto coa USC; poñerán enriba da mesa e acercarán ás persoas asistentes o traballo que realizan neste ámbito, así como os protocolos de actuación cos que actúan e os sistemas dispoñibles para atender ás vítimas.

A xornada polo miúdo

A xornada arrincará ás 10.00 horas cun acto de inauguración no que estará presente a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Delegada do Reitor da USC para a Igualdade, Marta Pérez e a Concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, quen será a encargada de moderar a primeira mesa redonda: “Trata, explotación sexual e dereitos humanos”. Nesta mesa participará a profesora da USC (Facultade de Humanidades), Beatriz Fernández, a coordinadora do “Programa de atención a mulleres vítimas de violencia, trata ou explotación sexual” de Cáritas de Lugo, Cristina García e unha representante do Foro Feminista de Lugo.

Tras unha pequena pausa, terá lugar a segunda mesa redonda: “Trata e prostitución en Lugo: a atención ás vítimas”, coordinada polo avogado de Aliad-Ultreira, Gerardo Pardo de Vera. Aquí daranse cita a traballadora social do “Programa de atención a mulleres vítimas de violencia, trata ou explotación sexual” de Cáritas de Lugo, Cristina Reguera, a psicopedagoga e educadora social do “Programa de atención integral á muller” de Cruz Vermella Lugo, Elena López, a coordinadora do programa de atención a mulleres vítimas de violencias machistas de Aliad-Ultreia, Ana Barba e a  psicóloga da Asociación Concepción Arenal, Raquel Lombao.

Xa en xornada de tarde, dende as 17.00 horas, proxectarase o documental Putadaguapa, un proxecto audiovisual protagonizado por estudantes entre 16 e 18 anos que falan, sen tabús, de temas que van dende a trata de seres humanos ata a súa relación co porno e a necesidade dunha mellor educación afectivo-sexual nos centros educativos. Seguidamente a secretaria xeral de Cáritas Lugo, Mónica Yáñez, moderará a terceira e última mesa redonda da xornada: “Cara un final da trata e a explotación sexual das mulleres”, na que participará o responsable territorial en ACCEM Galicia, Daniel Bóveda, a axente de igualdade de Aliad-Ultreia, Mónica Gónzález e a presidenta da Asociación Bonhomía,  Fany Sánchez. O acto de clausura poñerá o broche de ouro a esta cita, que nace con vocación de permanecer no tempo.

Certame en TikTok #Lugoporlaigualdad

Silvia Alonso lembrou que sigue aberta a participación no concurso en TikTok #Lugoporlaigualdad, posto en marcha tamén pola Concellería de Muller e Igualdade, coa finalidade de potenciar a reflexión e a concienciación sobre a igualdade e contra a explotación sexual e tráfico de mulleres a través da actividade creativa.

O certame conta con dous premios: un primeiro premio dotado con 200 euros e un segundo con 100 euros. A participación, que é gratuíta e online, estará aberta ata o 23 de setembro de 2022, coincidindo co Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, e as persoas gañadoras daranse a coñecer o 30 de setembro de 2022 tras o fallo do xurado, que estará formado por representantes do Concello de Lugo, a Casa da Muller de Lugo e personalidades do sector audiovisual, entre outros.

Os vídeos que se presenten ao concurso deben abordar calquera tema que concirna á loita pola igualdade e faga visible a explotación sexual e o tráfico de mulleres (proxenetismo, vulnerabilidade da muller prostituída, normalización aberrante do consumo da prostitución, etc.). Para formar parte do certame só hai que subir un vídeo á rede TikTok, co cancelo do concurso (#Lugoporlaigualdad) e cubrir o seguinte formulario de inscrición: https://cutt.ly/xXhecdm, onde tamén se poden consultar as bases.

Máis info

  • Folleto "Xornada sobre a trata de mulleres con fins de explotación sexual: situación e actuación en Lugo e retos de futuro" | Descargar pdf

Multimedia

  • Muller e Igualdade organiza unha xornada sobre a realidade e a situación en Lugo da trata de mulleres con fins de explotación sexual

Noticias relacionadas