O alcalde subliña que “non podemos aceptar unha decisión que debilite o papel de Lugo como cidade universitaria nin que poña en risco a continuidade da Escola”.
O rexedor informou que o seu grupo vén de rexistrar unha proposición para o ser debatida no Pleno, co fin de evitar que o centro pase a ser unha sección da facultade compostelá.
A iniciativa recolle a preocupación da cidade polo impacto que tería esta medida na calidade docente, na adaptación á realidade sanitaria da provincia e na continuidade do centro.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, anunciou esta mañá que solicitará unha reunión co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e cos conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; para abordar o futuro da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo tras a sinatura, o pasado 30 de abril, do protocolo para a reestruturación da docencia en Enfermaría.
“O cambio proposto xeraría incerteza e debilitaría o papel de Lugo como cidade universitaria, polo que é urxente aclarar cal será o futuro da nosa Escola. Non podemos aceptar unha decisión que poña en risco a súa continuidade nin a calidade da formación”, advertiu Miguel Fernández, quen lembrou que o centro acumula 50 anos de traxectoria, conta cunha altísima demanda e goza dun prestixio consolidado.
Como resposta a esta situación, “vimos de rexistrar unha proposición para o seu debate no Pleno do Concello, coa que buscamos garantir o mantemento da Escola como centro autónomo e instar á Xunta e á USC a reconsiderar o modelo de integración previsto”.
Segundo o protocolo asinado pola Xunta, o Consorcio para a Calidade do Sistema Universitario e as tres universidades galegas, cada institución pasará a contar cunha única facultade de Enfermaría, da que dependerán os centros actuais. No caso da USC, isto implicaría integrar a Escola de Lugo como unha sección da facultade con sede en Santiago, nun proceso que, a día de hoxe, carece dun calendario claro ou dun modelo definido, alén dunha vaga referencia á creación dunha comisión.
A posibilidade de converter a Escola nunha sección xerou unha profunda preocupación, como reflicten os escritos remitidos polo claustro de profesorado, a Academia Galega de Enfermaría e o Colexio Profesional. Estes organismos coinciden en advertir que o cambio suporía a perda de autonomía organizativa e de capacidade de xestión, ademais dunha evidente diminución do recoñecemento institucional e territorial de Lugo como sede universitaria.
Miguel Fernández recalcou que “esta Escola non só forma parte do patrimonio educativo e sanitario da cidade, senón que cumpre un papel fundamental na formación de persoal cualificado que desenvolve o seu labor no sistema público galego. Reducila a unha sección suporía invisibilizar todo ese traballo e romper o vínculo co territorio”.
O alcalde puxo o foco tamén nas posibles consecuencias prácticas do cambio: “É moito máis doado pechar unha sección que un centro autónomo. Non estamos a falar dunha reorganización neutra, senón dunha rebaixa institucional que pon en risco o futuro a medio prazo”.
A proposta rexistrada polo Grupo Municipal Socialista recolle todos estes argumentos e reclama que se respecte a estrutura actual da Escola como centro autónomo adscrito á USC. A iniciativa solicita, ademais, que o Concello de Lugo manifeste publicamente o seu apoio ás posicións defendidas polo profesorado, a Academia e o Colexio Profesional.
“Lugo non pode perder espazos nin competencias no ámbito universitario. Se queremos que o noso campus siga medrando, debemos defender con firmeza os centros que funcionan ben e que teñen recoñecemento social e académico, como é o caso da Escola de Enfermaría”, concluíu Miguel Fernández.
Audio
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, ve en risco o futuro da Escola de Enfermaría de Lugo | Descargar mp3

