Méndez moderniza o control do acceso rodado no casco histórico para axilizar as entradas e saídas e reducir o tempo de estancia

Substituiranse os bolardos por cámaras de lectura das matrículas, que incorporarán de maneira automática o expediente sancionador de quen incumpre

A alcaldesa aposta por estas medidas para reducir os niveis de contaminación medioambiental, acústica e de vibracións, “o que protexerá o rico patrimonio lucense”

Manteranse as actuais zonas de entrada e saída, pero reordenarase a confluencia da Rolda da Muralla con rúa Vilalba, que será de saída e entrada, ao igual que Porta Miñá

O novo sistema, no que se comezou a traballar no mandato anterior, dispón dun orzamento de 349.645 € e a súa implantación será de 5 meses desde que se licite

Venres, 02 de agosto de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Méndez moderniza o control do acceso rodado no casco histórico para axilizar as entradas e saídas e reducir o tempo de estancia

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe, acompañada do inspector Jesús Piñeiro, o Xefe da Policía Local, a modernización do sistema de control de acceso do tráfico rodado ao centro histórico, co que se substituirán os bolardos retráctiles actuais por cámaras de lectura das matrículas.

Esta modernización do sistema “axilizará as entradas e saídas dos vehículos no centro histórico e reducirá a súa estancia nel, rebaixando por tanto os niveis de contaminación medioambiental, de emisións de CO2, así como a contaminación acústica e de vibracións, o que axudará a protexer o casco histórico e o noso rico patrimonio, que son piares, como xa sabedes, do noso modelo de cidade, máis ecolóxica e amable”, sostivo a rexedora.

As cámaras tamén incorporarán de maneira automática o expediente sancionador de quen incumpre, “o que servirá de medida correctora contra a picaresca que existe agora”, dixo.

O actual sistema, “que está xa moi amortizado ao ser do ano 2001”, segundo lembrou a alcaldesa, presenta avarías frecuentes que, nalgúns casos e debido á dificultade na dispoñibilidade dos compoñentes ao desaparecer o provedor do mercado, tarda en arranxarse. Ademais, incidiu que as directrices europeas van encamiñadas á eliminación das barreiras físicas como medidas de control. 

Os sistemas de control atópanse actualmente en seis zonas:

  • Porta de entrada e saída de Rúa do Progreso
  • Porta de entrada en R/ Luís Peña Novo
  • Porta de saída en R/ Amañá
  • Porta de entrada en Porta de Santiago
  • Porta de entrada na confluencia de Rolda da Muralla con R/ Vilalba
  • Porta de saída en Praza da Constitución

Co novo sistema, manterase as mesmas zonas e se incorpora a confluencia de Rolda da Muralla con rúa Vilalba, que será porta de entrada pero tamén de saída, ao igual que en Porta Miñá, que será porta de entrada e saída.

Estes cambios obrigarán, ademais de á disposición das cámaras, á reordenar o espazo urbano no tramo peonil na Rolda da Muralla comprendido entre as Rúas Vilalba e Bispo Aguirre. “Falamos de reordenar a intersección desde a Rolda no carril máis próximo ao Adarve da Muralla, mentres que a saída se realizará pola franxa máis próximas as fachadas da Rolda, compatibilizándoo coa rede semafórica da Rolda da Muralla as manobras de entrada”, matizou.

Os permisos de accesos se manterán como até agora cos residentes, preto de 3.000 existen na actualidade, así como cos vehículos de carga e descarga e os permisos especiais.

A contratación da subministración e instalación do novo sistema levarase á Xunta de Goberno Local do vindeiro mércores, cun orzamento base de licitación de 349.645 euros, con IVE incluído. O prazo para a súa implantación será de cinco meses unha vez acabado o proceso de licitación, que pode durar entre dous ou tres meses.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre o control de acceso do Casco Histórico | Descargar mp3

Multimedia

  • Méndez moderniza o control do acceso rodado no casco histórico para axilizar as entradas e saídas e reducir o tempo de estancia

Noticias relacionadas