Medio Rural inviste 174.000 euros no arranxo do firme de tres estradas municipais

Os traballos, que xa comezaron, afectan as vías que comunican a LU – 546 co Corgo, á Rolda Norte con San Salvador de Muxa e a contorna de San Lázaro da Ponte

Mércores, 27 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Rural inviste 174.000 euros no arranxo do firme de tres estradas municipais

O Goberno de Lara Méndez, dende a área de Medio Rural que dirixe Miguel Fernández, informa de que xa deron comezo as obras de rexeneración do firme en varios núcleos municipais.

As intervencións, previstas tanto no Plan Único como no suplemento de crédito municipal, supoñen un investimento de 174.000 euros cos que o executivo local pretende acondicionar as vías de varias parroquias que precisaban dunha reparación urxente.

Os traballos consisten fundamentalmente no asfaltado con aglomerado en quente das estradas que unen a Rolda Norte con San Salvador de Muxa e a LU – 546 ao límite do concello do Corgo, parroquia de Santa Comba; así como a mellora do firme en San Lázaro da Ponte; tres contornas nas que ademais se executará o pintado dos bordos, a instalación de sinalización vertical e horizontal e a colocación de bases para os colectores do lixo.

O edil Miguel Fernández destaca que “as obras servirán para incrementar a seguridade nestas zonas xa que as tres presentaban un estado de conservación deficiente debido ao importante tránsito de vehículos que rexistran, ao tempo que axudarán a mellorar non só as infraestruturas do rural senón tamén a calidade de vida da súa veciñanza ao dotalos de máis e mellores servizos”, concluíu o concelleiro.

Audio

  • O edil de Medio Rural, Miguel Fernández, sobre o arranxo de 3 estradas municipais | Descargar mp3

Noticias relacionadas