Medio Ambiente lembra a existencia dun dispositivo especial de recollida de lixo a domicilio para as persoas afectadas polo COVID

As e os usuarios interesados só teñen que poñerse en contacto coa Policía Local, a través do teléfono 092, para solicitalo

Sábado, 31 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente lembra a existencia dun dispositivo especial de recollida de lixo a domicilio para as persoas afectadas polo COVID

Dende a área de Medio Ambiente, o seu edil, Álvaro Santos, lembraba hoxe que o Concello de Lugo conta cun servizo especial de recollida de lixo a domicilio “a disposición de todas aquelas veciñas e veciños que estean diagnosticados de COVID ou deban permanecer en corentena”.

Un dispositivo que ten como obxetivo frear a propagación da pandemia tanto entre a cidadanía como entre o persoal que se encarga da retirada e tratamento dos residuos.

“Calquera persoa que deba permanecer confinada no seu fogar pode solicitar a través da Policía Local esta prestación – indicou o concelleiro – que é totalmente gratuíta, só ten que poñerse en contacto co 092 e facilitar os seus datos para que, dende Medio Ambiente, poidamos programar o operativo”.

Santos Ramos reitera así mesmo a petición de manter abertos os colectores de carga traseira para que a poboación non teña que manipulalos cando desbote os seus refugallos e incidiu igualmente na importancia de, ante a evolución que está a ter a crise sanitaria, seguir extremando as precaucións como pode ser evitar o contacto cos diferentes elementos que compoñen o mobiliario urbano e non relaxarse na adopción doutras medidas de tipo individual como manter a distancia social, facer uso da máscara e lavar frecuentemente as mans con auga e xabón.

“Toda a cidade, incluídas as dotacións que están na vía pública como papeleiras, bancos, varandas, marquesiñas do bus e, por suposto, os contedores son desinfectados periodicamente, sen embargo é fundamental que, a nivel particular, actuemos con toda a prudencia posible para tratar de conter os contaxios”, concluíu o responsable de Medio Ambiente.

Noticias relacionadas