As tarefas, que se levarán a cabo en máis dunha trintena de vías, afectarán a uns 1600 árbores que ornamentan as rúas, prazas e xardíns da cidade
Álvaro Santos solicita a colaboración cidadá para facilitar a execución dos traballos que poderán implicar cortes puntuais dalgún carril de circulación
- Tema

Esta mañá comezaban as tarefas de poda en altura nos parques do concello, dentro dos traballos que impón a chegada do outono na conservación das zonas verdes da cidade.
A primeira das intervencións tivo lugar na Praza da Constitucion á que o edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, acudía a primeira hora para supervisar o inicio deste labores de mantemento.
“En total podaranse ao redor de 1600 árbores dunha vintena de especies, distribuídas entre as rúas, onde se atopan plantadas unhas 900, e os xardíns nos que se contabilizan aproximadamente 700. Dende agora e nas próximas semanas os esforzos centraranse no Casco Histórico xa que, en vindeiras xornadas, os equipos se trasladarán á Praza da Soidade, Armañá, Lois Peña Novo, Santo Domingo, Raíña, Praza Maior e Campo Castelo - explicaba o concelleiro – para seguir, a continuación por outros puntos da capital como son as Avenidas Ramón Ferreiro e Rodríguez Mourelo, Praza de Bretaña, Puro Cora, Parque de Rosalía e as súas costas, Xosé Novo Freire, Ronda das Mercedes, Fontiñas, Rof Codina, Moreno Fuentes, San Xillao, Rof Carballo, Vila Verde, Laxeiro, Nubeiro, Estrada da Granxa e polígono da Tolda, Praza Roxa, rúa Montevideo, Ronda da Muralla dende a Porta do Carme á Porta Santiago, Míllara, Torna, Campas, Manuel María, Otero Besteiro, Viana do Castelo, Monte Faro, Albeiros, Xenebro e Garabalos”.
Santos Ramos indicou tamén que o dispositivo que se encargará das actuacións está integrado por entre tres e cinco operarios que disporán dun elevador e de dous camións para a recollida das pólas e que, durante a realización das mesmas, será preciso proceder ao corte dun carril de circulación ou ben a suprimir algunhas prazas de estacionamento nas inmediacións para poder deixar os restos da ramallada ata cargalos.
“En calquera caso, trátase de restricións puntuais e momentáneas que serán debidamente sinalizadas con antelación, mesmo notificando aos propietarios dos vehículos que se atopen aparcados na parte da calzada afectada mediante a colocación de avisos nos parabrisas”, trasladou o edil que solicitou a colaboración cidadá para facilitar a execución dos traballos.
O responsable de Medio Ambiente referiu que o Plan de Poda, elaborado pola empresa concesionaria, adaptará estas tarefas ás demandas puntuais que poida ter o servizo, ás urxencias ou festas e, como non, tamén a climatoloxía que podería condicionar a rapidez coa que se levan a cabo e que, se prevé, se estendan ata finais de febreiro.
Audio
- O concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre o Plan de Poda | Descargar mp3