A maxia invade a cidade a primeira semana de maio coa décimo terceira edición do festival Lugo Máxico

Carmen Basadre presentou a programación, para todas idades, que terá lugar entre o 1 e 7 de maio e que traerá á cidade a medio cento de actividades máxicas e a unha vintena de magos diferentes

Martes, 19 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A maxia invade a cidade a primeira semana de maio coa décimo terceira edición do festival Lugo Máxico

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada polo mago Rafa e o mago Teto, presentou este martes a XIII Semana Internacional de Maxia en Lugo-Lugo Máxico, que se celebrará entre o 1 e o 7 de maio na Escola Infantil da Piringalla, na de Serra de Outes, na Gregorio Sanz, na de San Fiz, no Auditorio Municipal Gustavo Freire, na Praza Maior, na Praza da Milagrosa, na Praza do Castiñeiro, en Augas Férreas, en San Marcos, na Praza Horta do Seminario, no centro de convivencia Uxío Novoneyra e no Maruja Mallo, no Mercado Municipal, no Museo Interactivo da Historia de Lugo, no Hospital de Calde, no centro de día Antonio Gandoy, no HULA, no Mesón do Forno e no Centro Comercial Abella. Trátase dunha programación para todas as idades, que traerá á cidade a medio cento de actividades máxicas e a unha vintena de magos diferentes.

Durante a presentación, a edil fixo fincapé no éxito do Lugo Máxico, “un festival que dende logo está máis que consolidado” e convidou a todos os lucenses e visitantes a gozar deste semana de maxia e a aprender algún que outro truco, ao tempo que agradecía a implicación co festival dos magos presentes na presentación. 

Pola súa banda, os magos Rafa e Teto, agradeceron o interese do Concello pola maxia e “por convertir en realidade máis que cosolidada o que hai trece anos naceu coma un soño”.

Tres galas

XIII Semana Internacional de Maxia en Lugo-Lugo Máxico ademais de repartir maxia por todos os barrios inclúe tres galas diferentes. A primeira delas é a de Miguelillo, que presenta O Máxico Efecto Secundario, que terá lugar o domingo 1 de maio a partir das 18:00 horas. Trátase dun espectáculo onde se fusiona a maxia e o teatro.

O día 6 de maio celebrarase, por segundo ano consecutivo, a gala que homenaxea a René Lavad, no que estarán presentes artistas como Woody Aragón, Mario López, Román García e Henry Evans.

Como cada ano, e como peche a unha semana chea de ilusión, maxia e diversión, terá lugar a Gran Gala Internacional, o 7 de maio a partir das 21:00 horas, na que participarán preto de 10 magos.

As entradas para as galas, que se celebrarán no Auditorio Municipal Gustavo Freire, poden adquirirse dende mañá en www.entradaslugo.es por un prezo de 5 ou 8 euros, dependendo da zona, así como no Centro de Interpretación da Muralla. Os mesmos días das galas tamén se poderán adquirir no propio auditorio dende 90 minutos antes do comezo do espectáculo.

Máis información en www.lugo.gal

Audio

  • Carmen Basadre, sobre a XIII Semana Internacional de Maxia en Lugo - Lugo Máxico |Descargar mp3

Máis info

  • Programación para a XIII Semana Internacional de Maxia en Lugo - Lugo Máxico |Descargar mp3

Noticias relacionadas