Mauricio Repetto recibe no Concello aos triatletas chilenos e mexicanos que prepararon o Mundial nas instalacións municipais

Estiveron acompañados polo Cidade de Lugo Fluvial que vén de proclamarse gañador da Liga Nacional de clubs e que representará a España no Europeo.

O edil subliñou que “é un orgullo e un privilexio que estes fantásticos deportistas escollan a nosa cidade para adestrarse e preparar probas de máximo nivel”.

“Xa nos trasladaron a intención de repetir de novo a estadía o próximo ano para a preparación das Olimpíadas que se celebrarán en París”, avanzou Repetto.

Crisanto Grajales, Irving Pérez ou Cecilia Pérez son olímpicos que repiten Lugo como cidade de concentración pola calidade das intalacións e a súa contorna.

Mércores, 24 de agosto de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Mauricio Repetto recibe no Concello aos triatletas chilenos e mexicanos que prepararon o Mundial nas instalacións municipais

O edil de Deportes, Mauricio Repetto, e a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, recibiron este mércores no Concello ás e aos compoñentes das seleccións nacionais masculinas e femininas de triatlón de México e Chile que se concentraron este verán en Lugo. O grupo, formado por 20 deportistas, estivo acompañado polo equipo Cidade de Lugo Fluvial de triatlón que vén de proclamarse gañador en categoría masculina e feminina da Liga Nacional de clubs e que esta fin de semana representará a España no Campionato de Europa de clubs.

Repetto subliñou que “é un orgullo e un privilexio que estes fantásticos deportistas escollan a nosa cidade para adestrarse e preparar probas de máximo nivel, o que demostra a calidade das instalacións municipais, así como a boa acollida e a comodidade que supón para eles Lugo”.

As e os deportistas chilenos e mexicanos chegaron a mediados do mes de xullo e ao longo destas semanas empregaron as instalacións deportivas da cidade, como as pisicinas de Frigsa e Pedreiras ou as pistas de atletismo Gregorio Pérez Rivera, para preparar diferentes competicións internacionais como o Mundial de triatlón.

Parte deles son destacados triatletas con varias participacións olímpicas ás súas costas, como o caso dos mexicanos Crisanto Grajales, Irving Pérez ou Cecilia Pérez, que repiten Lugo como cidade de concentración, dada a tranquilidade da contorna e boa disposición das instalacións deportivas do Concello.

“Tal e o seu grao de satisfacción que xa nos trasladaron a intención de repetir de novo a súa estadía o próximo ano como lugar de concentración para a preparación das Olimpíadas que se celebrarán en París no 2023”, avanzou o concelleiro.

Repetto aproveitou para trasladar todo o seu apoio e o do executivo municipal aos compoñentes do Cidade de Lugo Fluvial que esta fin de semana participarán no Europeo que se celebrará en Banyoles (Girona), “levaredes o nome de Lugo e a nosa cidade ao máis alto nivel e iso sempre é motivo de honra, máis se cabe cando seredes un dos dous equipos que represente a España no campionato”, apuntou.

Finalmente, o edil felicitou aos membros do equipo lucense pola consecución da Liga Nacional de Clubs de Primeira División en categorías masculina e feminina “a sétima Liga consecutiva co equipo feminino, e a sexta co masculino, un logro e unha traxectoria admirables”, concluíu.

Multimedia

  • Mauricio Repetto recibe no Concello aos triatletas chilenos e mexicanos que prepararon o Mundial nas instalacións municipais

Noticias relacionadas