Manuel Núñez dá conta ao Consello Escolar Municipal das iniciativas e accións que leva a cabo o Goberno no eido educativo

A convocatoria do certame Trapero Pardo, as actividades extraecolares, as melloras realizadas ao longo do verán nos colexios e as axudas de material escolar foron algúns dos temas tratados na xuntanza

Mércores, 02 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Manuel Núñez dá conta ao Consello Escolar Municipal das iniciativas e accións que leva a cabo o Goberno no eido educativo

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, presidiu este mércores, no salón de actos do Parque Infantil de Tráfico, a xuntanza do Consello Escolar Municipal, na que se abordaron diferentes asuntos do eido educativo, con representantes da comunidade escolar.

Nesta reunión, o edil informou sobre a vixésimo segunda edición do Certame de contos e relatos curtos Trapero Pardo, dirixido a todos os rapaces e rapazas de 12 a 18 anos de calquera centro educativo da provincia de Lugo de ensino non universitario e cuxo prazo de presentación dos traballos está aberto ata o 20 de novembro. Ademais, dende o Concello estase a elaborar a publicación dun libro que recolla os contos e relatos curtos gañadores nas edicións dos anos 2014 e 2015.

En canto ás actividades realizadas polo Concello nos diferentes centros educativos da cidade, Manuel Núñez explicou que se levaron a cabo actividades escolares e extraescolares, como os hortos escolares, nos que participaron 1.650 nenos e nenas de 15 centros, ou polo Día das Letras Galegas, entre outras.

O Concelleiro tamén deu conta dos arranxos realizados durante os meses de verán por parte da entidade local nos colexios, cun orzamento de preto de 100.000 euros, e das axudas para a adquisición de material escolar e didáctico para alumnos e alumnas de educación infantil, para as que o Concello destina 36.000 euros, co obxectivo de colaborar na mellora da calidade educativa e na igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas do municipio.
 
Na reunión, o edil tamén abordou o asunto dos comedores escolares, explicando todos os pasos que se deron ata o momento, así como o Plan Mellora Lugo, co que se realizarán diversas obras de melloras nos centros educativos e cuxo contrato se asinará nos próximos días.

Finalmente, as ANPAS solicitaron o estudo e modificación das zonas educativas na cidade, acordando tratar este asunto na próxima xuntanza do Consello Escolar Municipal.

Noticias relacionadas