Mañá remata o prazo para presentar deseños ao concurso de carteis do San Froilán e do San Froilán Miúdo

Os interesados poden entregar os seus traballos na Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, na Praza Maior, por enderezo postal, e  por enderezo electrónico a cultura@concellodelugo.org

Luns, 30 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Mañá remata o prazo para que os interesados en participar no concurso de deseño gráfico do cartel do San Froilán 2016 e a súa versión infantil, San Froilán Miúdo 2016, poidan presentar as súas propostas. Así o lembrou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen fixo fincapé en que os deseños deben contribuír a enxalzar a cidade de Lugo e as súas festas patronais, así como a cidade no seu conxunto. Nos deseños deberán figurar, de xeito obrigatorio, os seguintes aspectos: Lugo, San Froilán 2016, Festa de Interese Turístico Galego e Festa de Interese Turístico Nacional, así como as datas de celebración, do 4 ao 12 de outubro, e a imaxe corporativa do concello.

Todos os interesados poden presentar aínda os seus traballos na Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, na Praza Maior, ou por enderezo postal, en formato dixital JPG, cunhas dimensións de 50x70 centímetros e con 72ppp de resolución, en soporte CD ou lapis de memoria. Ademais, poderanse enviar tamén por enderezo electrónico a cultura@concellodelugo.org, indicando no asunto Cartel San Froilán 2016. Non obstante, se algún participante o desexa e para unha mellor valoración da súa proposta, tamén pode entregar o cartel montado sobre cartón pluma de 5 ou 10 mm e a un tamaño de 50x70 centímetros.

Os traballos serán presentados de forma anónima, con lema, acompañando un sobre co mesmo lema no exterior, e dentro os datos persoais do participante. Se presentan o cartel dixitalmente, estes datos virán nun documento aparte.

Un xurado cualificado será o encargado de escoller a obra que represente esta festa, que será premiada cun importe de 2.000 euros.

San Froilán Miúdo

Pola súa banda, os deseños do San Froilán Miúdo deben incluír o texto, Lugo e San Froilán Miúdo 2016. Os interesados deberán entregar o seu deseño tamén na Concellería de Cultura. Igualmente serán presentados de maneira anónima, nun DIN A-4 como mínimo, e montados en cartón pluma ou soporte ríxido.
O autor ou autora do deseño gañador recibirá un premio adaptado á súa idade valorado en 300 euros.
Máis información en www.lugo.gal

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o concurso do cartel do San Froilán |Descargar mp3

Noticias relacionadas