Maite Ferreiro: “o MIHL acollerá unha nova selección de actividades para as nenas e nenos destinadas a crear hábitos de lectura”.
Desenvolveranse un total de seis actividades entre o 23 de abril e o 12 de xuño.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades que conforman a nova edición da programación de animación á lectura e contacontos. “Con estas actividades pretendemos achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero”, explicou Maite Ferreiro.
“Esta edición do ciclo contará de novo co MIHL como espazo principal, achegando así á veciñanza a un edificio cultural máis”, explicou a edil de Cultura, que engadiu “para asistir será preciso retirar entrada, de maneira gratuíta, no portal entradaslugo.es”. As persoas adultas que acompañen ás nenas e nenos terán que retirar entrada, mais para dar preferencia ao público infantil, só se permitirá unha acompañante por unidade familiar, cun límite de tres entradas por persoa.
O ciclo conta cun total de seis actividades, que comezarán o 23 de abril e rematará o 12 de xuño. Cada unha delas está dirixida a unha franxa de idade.
Actividades
Mércores, 23 de abril ás 18:00 horas no MIHL
- TEATRO GHAZAFELHOS
- “Contamos contos de lobos?”
- Idades: a partir de 3 anos
- Duración:50 minutos
- Celebramos o Día do Libro con contos de lobos. Mon e Pe buscarán contos na biblioteca nos que o lobo é o protagonista e interpretaranos coa axuda dos nenos e nenas do público, fomentando a súa creatividade e expresión corporal e oral
Xoves, 8 de maio ás 18:00 horas no MIHL
- RAQUEL QUEIZÁS
- “Cambio e conto”
- Idades: de 1 a 4 anos
- Duración: 35 minutos
- Nano está moi feliz porque naceu a súa irmá máis pequena, Nona, e el vai coidar dela. Pero, ao chegar a noite, Nona non quere ir á cama. Nano ten entón unha misión, conseguir durmir a Nona sexa como sexa
Xoves, 15 de maio ás 18:00 horas no MIHL
- NAMI E O MAGO DA BOINA
- “A maxia dos libros”
- Idades: a partir de 7 anos
- Duración: 55 minutos
- Espectáculo no que Nami e O mago da Boina dan vida a diversos fragmentos dos libros de “Crónicas do Mago Errante”, fusionando a maxia cos beneficios da lectura, nunha viaxe fascinante para toda a familia
Xoves, 29 de maio ás 18:00 horas no MIHL
- ANA MEILÁN
- “Que pasaría se o mundo quedase sen bágoas?”
- Idades: a partir de 3 anos
- Duración: 45 minutos
- Un día Simón, canso de que todo o mundo lle chame chorón, decide gardar as súas bagoas debaixo da cama. Os adultos comezan a consideralo así “un home feito e dereito”, pero, se todos gardasemos as nosas bágoas, que sería dun mundo así?
Xoves, 5 de xuño ás 18:00 horas no MIHL
- DANI BLANCO
- “Circo na biblioteca”
- Idades: a partir de 3 anos
- Duración: 50 minutos
- Pensaches algunha vez que non era posible ter circo nunha biblioteca ou nun museo?
- A compañía de Dani Blanco, con 20 anos de experiencia, vaiche traer o mellor circo de malabares con pelotas, libros, música, equilibrios e números imposibles, para gozar do mellor circo do mundo
Xoves, 12 de xuño ás 18:00 horas no MIHL
- XAROPE TULÚ
- “Bichocas”
- Idades: de 1 a 3 anos
- Duración: 35 minutos
- Espectáculo dirixido á primeira infancia onde os obxectos e a palabra nos fan viaxar a través do mundo animal. As protagonistas destas historias aprenderán nesta viaxe a importancia de seren diversas e a posibilidade de compartir coas demais os seus afectos

