Maite Ferreiro presenta a mostra Artesanía Viva, que terá lugar os sábados de abril na carpa da Praza da Soidade

A mostra, organizada pola área de Cultura en colaboración con Traxandaina, estará todos os sábados entre as 11 e as 20 horas

Maite Ferreiro: “achegaremos demostracións de traballos artesanais e antigos oficios que se poderían atopar nas feiras e festas do século XX”

Xoves, 01 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro presenta a mostra Artesanía Viva, que terá lugar os sábados de abril na carpa da Praza da Soidade

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a mostra de artesanía Artesania Viva, organizada pola área de Cultura xunto con Traxandaina. Maite Ferreiro explicou que “a carpa da Praza da Soidade acollerá durante os sábados de abril unha mostra que nos permitirá lembrar os oficios que se podían atopar nas feiras e festas de comezos do século XX”.

“Queremos aproveitar un espazo céntrico para dar a coñecer unha serie de produtos que se atopan xa en desuso, mais que forman parte da nosa cultura e da nosa historia”, declarou Maite Ferreiro.

A moistra Artesanía Viva terá lugar os sábados de abril, entre as 11 e as 20 horas, e cada día contará cun grupo de artesáns.

O día 3 de abril poderá visitarse a mostra de Luís Tordea (cadeiras), Fernando Reboredo (follalateiro) e Bolboreta Fiandeira (fiado de liño e lá). Para o sábado 10, contarase con Alberto Uria (ecomuseo) e Marga Portomeñe (mostra de cabezudos). O sábado 17 contarase con Xalgarete (cianotipias en tela), Xosé Darriba (escultura) e Miguel Mosquera (pito pastoril). Pecharán a mostra o sábado 24 os luthieres Xermán Arias (corda), Xaneco (percusión) e Lis (gaitas).

Noticias relacionadas