A exposición está organizada pola AECT Duero-Douro, a Cámara Municipal de Torre de Moncorvo, a Academia da Máscara Ibérica e Área de Antropoloxía de la Universidade de Santiago de Compostela.
Maite Ferreiro: "achegamos a Lugo unha mostra do Entroido Portugués que conta con centos de visitantes na súa itinerancia polo Estado e por Portugal".

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, inaugurou no Vello Cárcere a exposición ‘Ritos e rituais de inverno’. A mostra, que se poderá visitar no Vello Cárcere ata o vindeiro 15 de maio, conta cunha colección de oitenta e tres máscaras tramontanas elaboradas por vinte e seis artesáns distintos. As pezas atópanse asociadas a trinta e catro rituais antigos do Entroido tradicional, procedentes da colección privada que foi conformando Nuno Jorge Rodrigues Gonçalves. Maite Ferreiro convidou á veciñanza "a visitar esta mostra e coñecer os rituais do Entroido Tradicional Portugués".
A Área de Antropoloxía Social e Cultural da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa AECT Duero-Douro, a Cámara Municipal de Torre de Moncorvo e a Academia da Máscara Ibérica é a encargada de organizar esta exposición que chega a Lugo despois dunha itinerancia por Zamora, Salamanca, Torre de Moncorvo (Portugal), Valladolid, Cáceres e Alfândega da Fé (Portugal).
A inauguración celebrada hoxe contou coa profesora Pilar Panero García, directora da Cátedra de Estudios sobre la Tradición da Universidad de Valladolid e mais do proxecto europeo MASK e a profesora de Antropoloxía da facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC Elena Freire Paz.
As máscaras da mostra proceden de freguesías e vilas do Distrito de Bragança, en Portugal, un territorio que conserva un vasto patrimonio cultural cunha orixe arcaica, pero vixente pola gran aceptación social que ten hoxe día. A colección que se expón atesoura valores artísticos, históricos, educativos e antropolóxicos.



