Lugo traballa para converterse na primeira cidade de Galicia polo Comercio Xusto

O de Lugo é o único concello galego que mantén as axudas de cooperación internacional, un dos municipios que máis inviste nas persoas -194 euros- e quere ser o  primeiro municipio galego en ter este selo

Lara Méndez fixo un chamamento á cidadanía, á comunidade educativa e ao tecido empresarial para sumar esforzos co fin de que Lugo reciba este distintivo "que reforza o carácter social e solidario do Concello"

Este sábado, a partir das 11:00 horas, a Praza Maior acollerá a programación que conmemora o Día do Comercio Xusto. Haberá un mercado, obradoiros, concertos e xogos, entre outros

Mércores, 10 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo traballa para converterse na primeira cidade de Galicia polo Comercio Xusto

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a representante do colectivo Lugo Xusta, Adela Somoza, o coordinador de IDEAS, a ONG que organiza a campaña Cidades por un comercio xusto, David Comet, e o secretario da Asociación Provincincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo, Jacobo García-Bovadilla, presentaron este mércores as actividades para conmemorar un ano máis, e xa van máis de 20, o Día do Comercio Xusto en Lugo, que terá lugar este sábado, a partir das 11:00 horas, na Praza Maior. Esta programación cumpre un dobre obxectivo: sensibilizar á poboación lucense sobre as alternativas de consumo e promover a candidatura de Lugo como Cidade polo Comercio Xusto, dando cumprimento ademais a un acordo do Pleno Municipal.

No acto de presentación, ao que tamén asistiron as Concelleiras de Benestar Social, Igualdade e Inclusión e Concello e Cidadanía, Ana Abelleira e Rosana Rielo, respectivamente; a rexedora avanzou que Lugo traballa para ser a primeira cidade de Galicia polo Comercio Xusto. "Lugo é o único concello galego que mantén as axudas de cooperación internacional, 90.000 euros para o desenvolvemento ao ano; é un dos municipios que máis inviste nas persoas, 194 euros, e agora queremos ser o primeiro municipio galego en ter o selo de comercio xusto", asegurou Méndez. Na actualidade hai 11 localidades de España con este recoñecemento e máis de 1.000 no mundo.

Tal e como explicou a Alcaldesa, ter este recoñecemento significa avanzar cara un modelo de desenvolvemento máis sostible e igualitario, no que non soamente prima o económico, senón tamén o social e o ecolóxico. Ademais ofrece máis oportunidades para os productores en desvantaxe económica, prácticas comerciais baseadas na xustiza, un prezo xusto, non ao traballo infantil e a explotación e respecto ao medio ambiente.

Chamamento para sumar esforzos

Nesta liña, Lara Méndez fixo un chamamento á cidadanía, á comunidade educativa e ao tecido empresarial lucense para sumar esforzos co fin de que Lugo sexa nomeada este ano Cidade polo Comercio Xusto, "un distintivo que reforza tanto o carácter social como o solidario que ten o Concello de Lugo, que dotará ao municipio dun novo selo de identidade e que suporá un importante retorno social e económico" porque se abre a posibilidade de acoller iniciativas cun gran atractivo e repercusión.

Na actualidade, o Concello defende un trato de igual a igual nas relacións comerciais, que os produtos consumidos sexan elaborados en condicións laborais dignas, e que sexan producidos de xeito respetuoso co entorno. Por exemplo, como condición pídese ofrecer produtos de comercio xusto nos pregos de contratación das máquinas de vending, así como nas cafeterías das piscinas de Frigsa e As Pedreiras, e do centro social de Fingoi.

Pola súa banda, David Comet enxalzou que dita nominación representará "un selo de identidade solidaria", que agorá deber refrendar a Organización Internacional por un Comercio Xusto para que Lugo se converta nelo. Para conseguir este título téñense que cumprir 5 criterios: compromiso institucional e iniciativas de compra pública ética, accesibilidade aos produtos de Comercio Xusto, compromiso da comunidade empresarial, sociedade civil e comunidade educativa; accións de sensibilización e comunicación dirixidas á cidadanía e creación dun grupo de traballo local.

Adela Somoza agradeceu "o apoio total" do Concello tanto coa I Semana Intercultural, na que se enmarcan as actividades do vindeiro sábado, como coa campaña Lugo, Cidade polo Comercio Xusto.

Ademais, Jacobo García anunciou que a APEHL involucrou a todos os socios para poñer o seu gran de area e conseguir este distintivo.

Programación

O Día do Comercio Xusto arrincará ás 11:00 horas coa apertura dun mercado. Ás 12:00 horas celebrase un obradoiro infantil de cociña, e ás 13:30 horas terá lugar o concerto Por mi, Swing. Xa en xornada de tarde, a programación inclúe xogos, música e unha xornada de información sobre alternativas de economía social.

 

Audio

Noticias relacionadas