Lugo ten un novo festival de referencia: De Perdidos ao Miño, co que o Concello fomenta na Xuventude o respecto á diversidade sexual

A rexedora, Lara Méndez, e o edil de Xuventude, Mauricio Repetto, asistiron á primeira edición desta cita, pioneira no ámbito galego e que chega con vocación de continuidade.

A iniciativa pretende ser unha ferramenta de sensibilización social para erradicar prexuízos dende a infancia baixo un formato de entretemento.

O evento contou con persoeiros tan destacados como Carolina Iglesias, cómica, guionista e youtuber galega, recoñecida no 2021 co Premio Marcela e Elisa; Marta Herráiz, fundadora de LesWorking ou a profesora Noemí Díaz Vázquez.

Venres, 06 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo ten un novo festival de referencia: De Perdidos ao Miño, co que o Concello fomenta na Xuventude o respecto á diversidade sexual

Lugo acolleu esta xornada a celebración dun festival pioneiro en Galicia que, segundo o Concello de Lugo, organizador do evento, chega coa vocación de ser un referente na concienciación entre a Xuventude en prol do respecto á diversidade sexual.

“Un punto de encontro, de carácter lúdico, co que pretendemos crear un espazo para que a mocidade reflexione e no que figuras dunha gran traxectoria profesional con moitos seguidores e seguidoras, especialmente entre a rapazada, abordarán aspectos como a igualdade e a inclusión”, destacou o edil Mauricio Repetto.

A cita, que ten vocación de continuidade, celebrouse, favorecida pola boa climatoloxía, cunha gran asistencia de público no paseo do Miño. Un espazo actualmente en transformación onde conflúen varios dos grandes proxectos postos en marcha pola alcaldesa, Lara Méndez, durante o seu mandato, como son os relacionados coa mellora da conectividade entre a cidade e o río (a través pasarela Tanxurela, a peonalización da Calzada da Ponte e a ampliación do paso soterrado – ámbalas dúas en obras, a mellora do Camiño Primitivo ou a creación do Carril Bici que cohesiona a cidade coa contorna fluvial) e o aproveitamento dos seus usos (as Caldas, a rexeneración do paseo da Fábrica da Luz ou creación dunha plataforma de baño público nas inmediacións e o acondicionamento dos parques infantís lindeiros, etc).

“A nosa intención – sinalou a rexedora que non se quixo perder esta primeira edición de Perdidos ao Miño – é achegarlle ás novas xeracións valores sociais que combatan calquera tipo de prexuízo, traballando así en favor da tolerancia, da convivencia e da igualdade de oportunidades. Facémolo, ademais, nun espazo privilexiado no que dende o Goberno local estamos traballando para poñelo en valor e acadar que se incorpore como unha localización preferente dentro dos hábitos de socialización da cidadanía, con máis e mellores dotacións que serán un revulsivo para o municipio dende o punto de vista económico pero tamén turístico. Actuacións que, como este festival, e como no seu día xurdiu o Caudal Fest, se converterán noutro importante atractivo de Lugo e, neste caso, cun compoñente engadido de sensibilización entre a poboación máis nova”, afirmou Lara Méndez.

Neste primeiro festival participaron, entre outros convidados, Carolina Iglesias, cómica, guionista e youtuber galega, recoñecida no 2021 co Premio Marcela e Elisa polo seu traballo a favor dos dereitos LGTBI+, sendo a persoa máis nova en recibir este galardón, e gañadora dun Premio Ondas polo seu podcast 'Estirando o chicle'.

A psicóloga María González Da Rivera; Noemí Díaz Vázquez, profesora lesbiana visible de Bioloxía e Xeoloxía, integrante da Rede Educativa de Apoio LGBTI+ de Galicia e colaboradora de diarios nacionais; Marta Herráiz, fundadora de LesWorking, a primeira rede profesional internacional para mulleres lesbianas e codirectora xeral de REDI, a rede empresarial pola diversidade e inclusión LGBTI en España; Luis Arean, xornalista e membro fundador do Grupo de Minorías Sexuais de Amnistía Internacional España, e Xácia Ceive, norteamericana transexual asentada en Galicia e creadora do proxecto Sete Outeiros.

Un cartel de primeiro nivel que se entregou ao público no debate de temas como a orientación sexual e a identidade de xénero ao tempo que deron a coñecer as súas propias experiencias persoais explicando, alén, o que signfica para eles e elas a súa opción de vida emocional, sexual ou afectiva.

Unha exposición que tivo como broche de ouro final a actuación en directo da DJ residente na sala BLOOM de Santiago, RIQUINHA.

Multimedia

  • Lugo ten un novo festival de referencia: De Perdidos ao Miño, co que o Concello fomenta na Xuventude o respecto á diversidade sexual

Noticias relacionadas