Lugo súmase por primeira vez á Semana de Prevención de Incendios con actividades dirixidas aos escolares

Lara Méndez e Manuel Núñez achegáronse ao Parque Municipal de Bombeiros, onde teñen lugar entre hoxe e mañá distintas actividades de concienciación, organizadas pola Fundación Mapfre e a APTB

Mércores, 18 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo súmase por primeira vez á Semana de Prevención de Incendios con actividades dirixidas aos escolares

Lugo sumouse este ano, por primeira vez, á Semana de Prevención de Incendios. Faino con actividades dirixidas, principalmente a escolares, que terán lugar ao longo deste mércores e xoves no Parque Municipal de Bombeiros.

Estas xornadas, organizadas pola Fundación Mapfre e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) en colaboración cos bombeiros de Lugo, iniciáronse esta mañá. Nelas participarán 400 alumnos e alumnas de primaria dos colexios públicos lugueses de Casás, Paradai e Menéndez Pelayo. Inclúen unha exposición de material e equipos empregados polos bombeiros, actividades divulgativas co camión destes profesionais, e o denominado Parque da Prevención, unha actividade lúdico-educativa que consiste nunha casa inchable de catro habitacións na que se darán recomendacións a seguir en caso de incendio e consellos pedagóxicos para a prevención de incendios en idade infantil.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Concelleiro de Educación, Manuel Núñez, o Sarxento Xefe dos Bombeiros, Miguel Vila, un representante da Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB), Carlos García, e o director da área de prevención e seguridade vial da  Fundación Mapfre, Jesús Monclús, achegáronse esta mañá ata o parque, onde estaban os primeiros 100 participantes desta semana de prevención, que incide especialmente en torno aos detectores de fume nas vivendas. Do total das actuacións do primeiro semestre dos bombeiros de Lugo, un 28% foron incendios en vivendas ou alpendres, unhas 80 intervencións.

Lara Méndez agradeceu á APTB e á Fundación Mapfre a celebración desta semana da prevención en Lugo, de gran importancia para o público máis novo, que actuán de factor primeiro de prevención, sendo vehículo de formación ao trasladar as súas inquietudes na casa. Así mesmo destacou o labor dos profesionais do parque de Lugo, tanto nas súas intervención de emerxencias como no traballo de fomentar a cultura da prevención. 

Noticias relacionadas