Lugo será Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2023

A entidade transfronteiriza acordou hoxe por unanimidade dos membros que a cidade sexa a sede cultural tras valorar a candidatura presentada polo Goberno de Lara Méndez.

A Alcaldesa avanzou que “a capitalidade situará ao municipio no mapa internacional o vindeiro ano, cidade que será unha fiestra aberta a riqueza cultural da eurorrexión”.

Méndez sostivo que “o programa busca reforzar os nosos vínculos coas cidades de Galicia e do norte de Portugal así como cos itinerarios culturais que representan”.

A programación, que se desenvolverá de febreiro a novembro, abarca as distintas disciplinas artísticas e está pensada para a participación de público de todas as idades.

Mércores, 20 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo será Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2023

Lugo será a Capital da Cultura do Eixo Atlántico en 2023, recollendo o relevo de Braga. Así o acordaron hoxe por unanimidade os concellos de Galicia e do norte de Portugal da entidade transfronteiriza tras valorar a candidatura presentada polo Goberno de Lara Méndez nunha reunión en Guimaraes presidida polo secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao.

A alcaldesa agradeceu o apoio dos municipios e avanzou que “a elección de Lugo como sede situaranos no mapa cultural internacional o vindeiro ano e será unha fiestra aberta a riqueza cultural da eurorrexión”. Subliñou que “dende o Concello apostamos pola cultura como un dos elementos decisivos no desenvolvemento social, económico e de identidade do municipio, a través do deseño de políticas culturais, diversas e plurais e que fomenten a capacidade creativa local, en sintonía coa nosa estratexia de cidade sostible”.

Segundo Lara Méndez, a candidatura de Lugo inclúe unha “interesante proposta vinculada ao pasado e a tradición ao mesmo tempo que impulsa unha visión moderna de innovación e vangarda, cunha ampla oferta cultural que será de interese para a toda a sociedade e coa que esperamos fortalecer as sinerxías e a cooperación dos axentes culturais e sociais de Lugo cos distintos municipios galegos e lusos que pertencen ao Eixo Atlántico, como unha contribución esencial para o diálogo entre os pobos”, sostivo a rexedora.

A programación desenvolverase dende marzo a novembro e contempla non só as distintas disciplinas artísticas senón tamén unha ampla variedade de eventos, dende mostras de teatro, cine a concertos, festivais de arte urbáns e exposicións, así como actividades infantís e certames gastronómicos, entre outras propostas, que se irán concretando da man dos concellos do Eixo Atlántico. Tamén incluirá actividades xa consolidadas na cidade como o Arde Lvcvs Cultural, o Festival Internacional de Jazz ou o Caudal Fest.

A rexedora avanzou que nas actividades, tanto as novas como nas xa asentadas, “contarán coa presenza da cultura de Galicia e Portugal, porque desde Lugo queremos ser unha fiestra aberta a multiculturalidade que representa a Eurorrexión”.

Por outra banda, o Concello de Lugo dedicará ao Eixo Atlántico unha praza emblemática da cidade, na que recentemente se instalou a Fonte das Lavandeiras, a carón da Praza Viana do Castelo, onde quedará plasmada, así mesmo, a través dun mural de arte urbano, a unión dos pobos que conforman a Eurorrexión.

Noticias relacionadas