Lugo respira deporte coa XIII Carreira Popular Lugo Monumental

A Alcaldesa e o Concelleiro de Deportes e Medio Rural deron o pistoletazo de saída a esta proba que tivo un percorrido entre os 370 metros e 1,5 quilómetros para categorías infantís e ao redor de 10 quilómetros para a de adultos

Domingo, 31 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
XIII Carreira Popular Lugo Monumental

Lugo respirou deporte este domingo durante a XIII Carreira Popular Lugo Monumental, na que se deron cita máis de 2.200 deportistas de todas as idades, dende os 5 anos en diante, e de todos os puntos do Concello, da provincia e do resto de Lugo. Trátase dunha proba deportiva organizada polo Concello que ano tras ano gaña máis adeptos.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, deron o pistoletazo de saída ás diferentes categorías desta carreira popular, que tivo un percorrido entre os 370 metros e 1,5 quilómetros para as categorías infantís e 10 quilómetros para a de adultos. A rexedora destacou que Lugo Monumental, na que colaboran Viesgo, grupo El Progreso, Noroeste de Iberianpartners e a Asociación Española Contra o Cancro, enmárcase na aposta do Concello “por fomentar a práctica deportiva entre os veciños e veciñas, así como no compromiso da entidade local co deporte, en todas as modalidades e para todas as idades”.

Lara Méndez subliñou ademais “o éxito de participación” desta cita de referencia na cidade, que serve ademais para promover a Lugo.

Categorías

A carreira partiu dende a Ronda da Muralla, de diante da Mosqueira, ás 11:00 horas para os nenos e nenas nados en 2010 e 2011, que percorreron 370 metros. Ás 11:10 tivo lugar a saída para a categoría A (nados entre 2007 e 2009); ás 11:20 para a categoría B (nados entre 2004 e 2006) e ás 11:30 para a categoría C (nados entre 2001 e 2003) que correron unha distancia de 700 metros, 1.100 e 1.500 respectivamente.

Ás 12:00 horas foi a quenda dos adultos que realizaron unha distancia de ao redor de 10 quilómetros pola Ronda da Muralla, rúa do Teatro, Santo Domingo, rúa da Raíña –paso por liña de meta-, Praza Maior, Bispo Aguirre, rúa Vilalba, Avenida Ramón Ferreiro, rúa Pintor Corredoira, Anxo López Pérez, Ronda da Muralla, rúa Recatelo, Ribadeo, Xeral Tella, Praza de Avilés, Doutor Portela, Avenida Rodríguez Mourelo, Ramón Ferreiro, Pintor Corredoira, Avenida Ramón Ferreiro, Anxo López Pérez, Praza da Constitución e Ronda da Muralla ata a Porta de Santiago, onde os corredores subiron ao adarve da Muralla pola rampla fronte á Catedral para afrontar unha volta polo adarve ata chegar de novo á rampla, onde onde os deportistas baixaron cara á praza Pío XII, rúa Bo Xesús, praza Santa María, Alférez Provisional, Praza Maior e chegada á meta situada ao carón da Casa do Concello.

O lado máis solidario da Lugo Monumental

Paralelamente á XIII Carreira Popular Lugo Monumental, tivo lugar unha marcha solidaria contra o cancro, na que participaron un cento de persoas, que previamente se apuntaron coa súa doazón de 1 euro á AECC.

Noticias relacionadas